A Xunta personarase na demanda pola devolución de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

Viraxe radical do goberno de Núñez Feijóo en Meirás: de pasar de pagarlle a seguridade privada aos Franco e inhibirse diante do incumprimento do réxime de visitas ao BIC a codemandar no xulgado a familia do dictador pola adquisición irregular das torres. A presión exercida pola ARMH, activistas como os 19 de Meirás– que seguen encausados por despregar dúas faixas reclamando a devolución do pazo un día que estaba aberto ás visitas-, investigacións como a de Carlos Babío e Manuel Lourenzo, iniciativas parlamentarias e a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás torceron o brazo do PP.

O Consello da Xunta previsiblemente aprobará hoxe persoarse no proceso civil iniciado polo goberno español para que o pazo de Meirás pase ao patrimonio público. Segundo informou onte o Executivo galego, a Xunta sumarase á demanda presentada, que denuncia o espolio de bens por parte do ditador e os seus herdeiros.

O goberno galego explica que a decisión busca cumprir unha proposición non de Lei do BNG aprobada polo Parlamento de Galiza para demandar ao goberno español que adoptase as “accións legais oportunas para reintegrar o pazo de Meirás ao patrimonio público, sen que isto implique un novo custo para o pobo de Galicia”.

A iniciativa parlamentaria reclamaba tamén á Xunta a incorporarse a este proceso civil cando fose exercida a acción legal para tratar de que o inmoble sexa restituído como ben público. O venres pasado o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, xa anunciara que a Xunta personaríase no xuízo se os servizos xurídicos autonómicos o avalaban.