A Xunta deixa desde hoxe sen liñas de transporte regulares a Coirós, Paderne e Irixoa

Desde hoxe desaparecen as liñas regulares en Coirós, Paderne e Irixoa. Os tres municipios da comarca brigantina verán como o plan de transporte da Xunta reduce a presenza de autobuses ao transporte escolar, que pasará a ser compartido con usuarios das desaparecidas liñas regulares, e o que o PP deu en denominar “transporte a demanda”. A partir do inicio das vacacións escolares, o autobús só se desprazará se os seus potenciais usuarios solicitan previamente o transporte.

A Xunta informou onte que estableceu  catro paradas, que coinciden coas utilizadas durante o curso escolar. As persoas interesadas en utilizar o servizo deberán reservar previamente a súa praza a través do teléfono 988687800 entre as 8.00 ás 20.00 horas, de luns a venres. As peticións tamén poderán ser anuladas no mesmo horario. Os usuarios poden obter máis información sobre o novo sistema a través da páxina web www.bus.gal. Quen solicite a viaxe e non a use, sen anulala, entrará nunha listaxe “negra” de usuarios irresponsables e irá no último lugar de preferencia á hora de axustar a capacidade dos vehículos á demanda.

O usuario, logo de se identificar, indicará o concello e parada de orixe e o concello e parada de destino, e o operador informaralle dos horarios e servizos dispoñibles para a data na que pretenda viaxar. Nunha mesma chamada poderanse reservar varios servizos, ou prazas neles para máis dunha persoa.

As peticións de servizo serán rexistradas polo operador, coa incorporación de datos básicos para a identificación do solicitante ao que se lle indicará un código coa súa reserva. Esta reserva poderá ser anulada, igualmente, ata as 20.00 horas do día anterior ao da realización da viaxe.

O sistema reportará ás empresas de transporte tanto as reservas ou as súas anulacións segundo se vaian realizando e, pouco despois das 20.00 horas, o conxunto de peticións formuladas para o día seguinte, estando obrigadas estas a atender as demandas de transporte comunicadas