A Xunta anuncia un “centro social de maiores” para Oza-Cesuras e tira coa promesa de rehabilitar o Paraxón

O alcalde de Oza-Cesuras e Beatriz Mato

O alcalde de Oza-Cesuras e Beatriz Mato

As pedreas electorais que estes días reparte a Xunta de Feijóo nos municipios afíns alcanzou tamén a Oza-Cesuras. Onte no pleno o alcalde presentou por sorpresa un convenio coa Xunta para a construción dun “centro social de maiores”. Para esta intervención a Xunta poñerá un máximo de 200 000 euros, que aportará entre este ano e o 2018. Neste 2016 serán tan só 15 000 euros, que nin sequera dan para a redación do proxecto constructivo. O resto quedará para anos vindeiros sempre e cando o PP reteña o goberno galego.

A oposición recelou onte da seriedade deste anuncio, posto que nin sequera especifica onde e como se construirá un centro para o que, segundo o alcalde, conta cunha “gran demanda da poboación do municipio de idade avanzada” por ter “un espazo de encontro e con servizos adaptados ás súas necesidades”.

O acordo e o anuncio supoñen que o Consorcio Galego de Benestar constrúa un centro social con apenas 200 000 euros en lugar de investir o millón longo de euros que o proxecto de fusión entre Oza dos Ríos e Cesuras contemplaba para rehabilitar o sanatorio de Cesuras e reabrilo como un xeriátrico público. Segundo o estudo de viabilidade, esta actuación permitiría ao municipio gañar poboación ao censar na localidade a todos os maiores e dependentes que se aloxasen no complexo.

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

O PP abandonou hai tempo a súa promesa estrela para Cesuras e optou por reflotar o antigo proxecto dun xeriátrico privado en Porzomillos, para o que acaba de tramitar unha recalificación a pesar das advertencias ambientais da propia Xunta e as alegacións da oposición.

Con este anuncio do centro social de maiores queda definitivamente enterrada a promesa de rehabilitar o sanatorio de Cesuras, que continuará co seu proceso de deterioro no Paraxón. Súmase a outras promesas que quedaron no esquecemento como as factorías de CocaCola e ENCE que crearían centos de postos de traballo nun municipio que, a pesar de todas as promesas do PP, continúa sen levantar cabeza.