A UCGAL denuncia que SAnta Lucía tardou tres meses en atender un sinistro

Rúa Tomás Dapena

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL)  denunciou que unah socia da entidade tivo que agardar tres meses a que a aseguradora Santa Lucía atendera un sinistro na súa casa.

“A afectada localizou na parte baixa da súa vivenda varios puntos que estaban a zumegar auga e puxo a situación en coñecemento da aseguradora Santa Lucía, coa que ten contratado un seguro de fogar” relatan.

“Tras a recepción do aviso a compañía desprazou un perito para avaliar os danos e, días despois, tamén a unha empresa de albanelería” explican, pero aseguran que “os operarios levantaron as baldosas do chan para buscar a orixe da filtración e, posteriormente, selaron con cemento os buracos, ao non atopala”.

“Tras estas intervencións, cesan as notificacións desde Santa Lucía, sendo a empresa de albanelería a única que se pon en contacto coa afectada para explicarlle que a tardanza na restitución dos azulexos danados débese á dificultade de atopar uns iguais” relatan.

“Transcorridos tres meses, esta asociación de consumidores interpela a Santa Lucía para solicitar as conclusións do perito e da empresa de albanelería sobre a orixe da filtración, aspecto nunca resolto pola aseguradora” abundan. “Así mesmo, solicitouse a reposición estética dos elementos prexudicados, ofrecendo como alternativa o emprego dunha baldosa diferente á orixinal sempre e cando se colocase en toda a estancia afectada polo sinistro” explican.

A entidade considera “inxustificada” a demora da compañía. Para a UCGAL a despreocupación mostrada por Santa Lucía ante os requirimentos dunha beneficiaria dos seus servizos resalta o escaso compromiso da aseguradora á hora de cumprir cos contratos establecidos.