A UCGAL denuncia a inclusión dunha socia nun ficheiro de morosos por unha débeda inexistente co BBVA

Cantón de Claudino Pita, coa oficina local do BBVA en primeiro termo

“Unha débeda de máis de 1.300 euros co BBVA, entidade bancaria da que nunca fora cliente, levou a unha socia da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) a figurar nun ficheiro de morosos, situación que descubriu ao solicitar un préstamo noutro banco” denuncia a Unión de Consumidores de Galicia. “A orixe da suposta débeda era unha tarxeta de crédito na que esta asociada constaba como titular” explican.

Desde UCGAL procedeuse a tramitar a correspondente reclamación para que a afectada deixara de figurar no ficheiro de solvencia patrimonial e solicitouse tamén a cancelación da débeda tendo en conta, primeiro, que nunca mantivo relación co BBVA na condición de usuaria e, segundo, que non recibiu comunicación algunha sobre a suposta débeda e a súa posterior inscrición no ficheiro de morosos.

O traballo desta entidade demostrou non só que a asociada nunca tivera relación comercial co banco, senón que, ademais, os datos recollidos no ficheiro non coincidían plenamente cos desta persoa.

“Finalmente, acadouse o obxectivo pretendido coa reclamación” aseguran, dando conta de que “por unha banda, o BBVA deuna de baixa do ficheiro de solvencia patrimonial e, por outra, cesou no seu empeño de cobrar a débeda”.

Ante a gravidade dos feitos, UCGAL prepara a interposición dunha demanda por danos e prexuízos; procedemento que recomenda para estes casos dada a angustia e as consecuencias administrativas que se xeran pola inclusión inxustificada nun ficheiro de morosos. Situacións como esta están á orde do día. Por iso, é importante e pertinente buscar asesoramento en entidades de referencia como a Unión de Consumidores de Galicia para saber como proceder nestes casos.