A Reserva organiza dous cursos sobre pragas e horta ecolóxica

Unha horta con tomates na comarca

A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo organiza dous cursos de produción ecolóxica que se impartirán durante setembro e outubro. Están dirixidos a agricultores en activo ou persoas con expectativas de incorporación á actividade agraria.

A inscrición xa pode realizarse na sede electrónica da Xunta. O primeiro curso, sobre loita e control de pragas e enfermidades, desenvolverase os días 23, 24 e 28 deste mes en diversos lugares do municipio de Oza-Cesuras. O segundo curso, os días 1, 9 e 14 de outubro, será sobre o manexo do chan na horticultura ecolóxica e terá lugar en locais e explotacións de Miño, Paderne e Oza-Cesuras.