A Reserva declara Especie do Ano o mexillón de río

Unha vista do couto de Chelo

Cada ano, desde hai tres, a Reserva da Biosfera nomea unha especie, das que viven no seu territorio, como Especie do Ano. Foi unha iniciativa da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que co gallo desta distinción organiza este sábado o evento divulgativo “Xornada sobre a Náiade de río en Galicia”.

A náiade de río é tamén chamada mexillón de río (margaritífera margaritífera, de nome científico). É un bivalvo cuxa presenza está documentada en augas do Mandeo, no couto de Chelo e augas arriba. A propia SGHN explica que a xornada ten por “obxectivo de achegar á cidadanía o coñecemento e posta en valor desta especie, escollida Especie do Ano 2019 nesta Reserva”.

O evento desenvolverase o sábado, 26 de outubro do 2019, de 10 a 14 horas, na Aula da Natureza Juan Lembeye de Culleredo. “Nesta xornada non soamente teremos ocasión de coñecer polo miúdo a Náiade , protagonista neste 2019, senón tamén as súas interaccións con outras especies necesarias para a súa supervivencia, así como diversos e interesantes estudos e programas levados a cabo para a súa conservación” explican.

A participación na xornada é de balde e aberta ao público, sendo as prazas abondosas aínda que limitadas debido á capacidade das instalacións, polo que se prega formalizar a inscrición previa a través dun formulario online.