Á praia con cita previa? A Xunta ultima unha aplicación para controlar o acceso aos areais este verán

A praia do Regueiro, pechada ao baño pola contaminación das súas augas. Imaxe de Turismo.gal

A Xunta anunciou que proximamente porá a disposición dos concellos a plataforma Praias Seguras de Galicia para facilitarlles a xestión do acceso dos cidadáns aos areais este verán. Esta ferramenta permitirá aos cidadáns obter unha acreditación para acceder a unha praia determinada nunha data seleccionada, cun mecanismo similar ao empregado no control de accesos á ribadense praia das Catedrais.

A plataforma integrará a información do catálogo galego de praias do Instituto de Estudo do Territorio, que ofrece información xeográfica de cada areal para poder determinar a súa capacidade de carga máxima. Resta por ver se a aplicación integrará todos os areais e calas que non son considerados oficialmente zonas de baño e non son obxecto de campañas estivais de limpeza, non contan con servizos e non son obxecto de analíticas sobre a calidade da auga de baño.

O goberno galego anunciou que presentará a plataforma á FEGAMP para que aqueles concellos interesados en empregala poidan adherirse ao seu uso a través da sinatura dun convenio. “O obxectivo é facilitar mecanismos de apoio para poder afrontar en condicións de seguridade a previsible afluencia ás praias durante o verán e establecer á vez medidas que procuren evitar a propagación do COVID-19” asegura o goberno galego nun comunicado.

A Consellería de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, dispón do visor do Catálogo de Praias de Galicia, que permite obter datos sobre a superficie exacta de cada areal e outra información moi valiosa para poder determinar a súa capacidade de carga ou ocupación máxima, en función dos criterios que se fixen por parte do Goberno do Estado.

960 areais cun aforo de máis de 900 000 persoas

O goberno galego asegura que o noso país conta con 960 praias que suman máis de 18,75 millóns de metros cadrados de superficie, concentrando a provincia da Coruña a meirande parte delas (454 praias), seguida de preto por Pontevedra (con 414) e Lugo (92). En canto ao aforo máximo das praias galegas, está calculado nun total de 939.520 persoas, un dato interesante se se analiza praia por praia posto que pode axudar a calcular un determinado grao de ocupación.