A Fundación Fragas do Mandeo e o GDR das Mariñas-Betanzos celebran a VIII Semana de Custodia do Territorio

A Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos programan a celebración da VIII Semana de Custodia do Territorio nas Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo entre os días 14 e 22 de setembro. O programa inclúe conferencias, actividades de voluntariado ambiental e unha eco-regata para mellorar, coa fin de mellorar o estado dos espazos naturais da reserva da biosfera. O financiamento corre a cargo do Programa Leader. A edición deste ano leva o título “Citas coa extinción: os animais condenados a desaparecer en As Mariñas”.

A Semana de Custodia é un evento anual no que se dan cita especialistas, divúlganse coñecementos e realízanse actuacións co obxecto de difundir entre os cidadáns os valores naturais da bisbarra e promover a súa preservación a través da custodia do territorio. Esta fórmula de protección do patrimonio natural permite á cidadanía comprometerse directamente na conservación da natureza local mediante as accións de voluntariado e as doazóns destinadas a adquirir montes de interese ambiental.

Arrancará coa xornada de conferencias o sábado 14 pola mañá no salón Azul do Liceo de Betanzos, estando invitados para á súa apertura a alcaldesa do concello, María Barral, e o presidente do GDR Mariñas-Betanzos, José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo. Ó longo da mañá, tres especialistas abordarán a situación da fauna máis ameazada na bisbarra, de maneira que podamos coñecer as causas que levaron a esta situación crítica e cales
son as medidas necesarias para evitar a súa desaparición definitiva.

Iniciará as intervencións o doutor  Pedro Galán Regalado, investigador e profesor da Universidade da Coruña, César Ayres Fernández, falará da situación do sapoconcho europeo e por último, o anelador do Grupo de Anelamento Anduriña, Emilio Martínez Sabarís, explicará a situación crítica que atravesa a escribenta das canaveiras iberoccidental. O domingo día 15 pola mañá haberá unha actuación de voluntariado ambiental no río Mandeo para eliminar especies exóticas invasoras.

“O sábado 21 pola tarde celebraremos a sexta edición da eco-regata na ría de Betanzos. Esta actividade deportiva e lúdica consiste en competir pola recollida de lixo no xuncal. Comezará ás 16:00 horas no porto de Betanzos,
onde se recibirá ós voluntarios, ás lanchas e ás piraguas que se teñan inscrito” explican desde a organización. “O domingo día 22 pola mañá participaremos na limpeza simultánea de ríos recollendo lixo e localizando focos de especies exóticas invasoras no tramo medio do río Lambre” abundan.

As asociacións que queiran colaborar na organización e as persoas que desexen participar nas xornadas de voluntariado ambiental deberán contactar con Fragas do Mandeo mediante correo electrónico correo@fragasdomandeo.org ou vía telefónica 981 105 903. Deste xeito recibirán información detallada e os voluntarios contarán cun seguro de accidentes.