A Deputación solicita comparecer como parte no xuízo para recuperar o Pazo de Meirás

Concentración en apoio aos 19 de Meirás no Campo durante a súa declaración no xuízo promovido polos Franco

A Deputación da Coruña solicitou a participación no xuízo para a recuperación do Pazo de Meirás como ben público que se iniciará este venres coa vista previa e o acto de conciliación e está á espera da resolución que permita a súa comparecencia.

Cun documento en que se contempla a relación da institución cos feitos xulgados, a Deputación da Coruña solicitou no xulgado de primeira instancia Nº 1 da Coruña, poder comparecer como parte no xuízo que se inicia este venres encamiñado á recuperación do Pazo de Meirás como ben público. O xulgado deu tamén traslado da solicitude ás demais partes que comparecen no xuízo.

A Deputación da Coruña solicita participar no xuízo lembrando que fora a promotora no anterior mandato da creación da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás composta por concellos, entidades da memoria, a Real Academia Galega e as Universidades como ferramenta para reivindicar a recuperación do inmóbel en mans da familia Franco. A iniciativa naceu como resposta á Xunta pro Pazo de Meirás que fora a artífice do espolio para converter a que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán en residencia de verán da Xefatura do Estado naquela altura ocupada polo ditador Francisco Franco.

Despois de deseñar a folla de ruta para a recuperación do Pazo, a Deputación da Coruña encargara a elaboración dun informe xurídico e outro histórico que avalaron a reclamación do inmóbel e que foron fundamentais á hora de iniciar o camiño da vía xurídica para recuperar a propiedade. Dous equipos de dirixidos por Xavier Ferreira, profesor da Facultade de Dereito, e Emilio Grandío, profesor da Facultade de Historia, os dous da Universidade de Santiago, elaboraron os informes, dando conta da documentación que probaba o espolio e a apropiación indebida por parte dos Franco, traballo para o que foi fundamental a investigación desenvolvida por Carlos Babío e Manuel Pérez e publicada en boa parte no volume “Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio”.

O propio informe xurídico abría a porta á demanda xudicial que a Deputación da Coruña reclamou tanto a Patrimonio Nacional -de quen os informes probaban a propiedade e indicaban como máis acaído para iniciar a tramitación- como ao Ministerio da Presidencia a través da Dirección da Memoria Histórica. En distintas ocasións, a Deputación da Coruña dirixírase ao goberno central para que incorporase na súa axenda política a recuperación xudicial do Pazo de Meirás, unha vez quedaba claro que o inmóbel pasara ás mans da familia Franco por medio dunha venda simulada tempo despois de que se fixera efectiva a doazón á Xefatura do Estado.

A Deputación da Coruña recoñece á hora de solicitar comparecer como parte no xuízo o papel desenvolvido tanto no proceso previo de espolio tanto como no recente de ser a primeira institución que iniciou o camiño para a recuperación xudicial despois de que saltara a luz a utilización do Pazo para facer apoloxía do fascismo por parte da Fundación Francisco Franco.

O xulgado de Primeira instancia n. 1 da Coruña deu conta da recepción da solicitude por parte da Deputación que está á espera de resposta sobre a posibilidade de comparecer como parte. Como indica a lei, o xulgado deu tamén traslado da solicitude ás demais partes  que comparecen no xuízo.