A Deputación renova as sedes electrónicas dos concellos

Valentín Formoso (PSOE) e Goretti Sanmartín (BNG), presidente e vicepresidenta da Deputación

A Deputación da Coruña e 74 concellos da provincia, ademais doutros organismos coma o Consorcio das Mariñas, o Consorcio Provincial Contraincendios, o Consorcio de Turismo da Coruña ou as mancomunidades, estrean estes días as súas renovadas sedes electrónicas.

Desde a entidade salientan que “cunha plataforma máis versátil, funcional e graficamente atractiva, as novas sedes electrónicas permiten á cidadanía interactuar dun xeito máis áxil e intuitivo co seu concello ou coa Deputación sen horarios nin esperas, realizando xestións sen moverse do seu domicilio ou oficina e dun xeito completamente seguro”.

A sedes electrónicas funcionan 24 horas durante os 365 días do ano e permiten realizar numerosos trámites cotiáns ante a administración como o envío de solicitudes (inscrición en actividades, reserva de instalacións deportivas, solicitude de axuda a domicilio, licenzas de vados, subvencións…) a validación de documentos electrónicos ou a consulta de expedientes e notificacións.

Acceso máis simple e novas funcións

As novas sedes adaptánse á nova lexislación en materia de protección de datos e permiten o acceso identificándose con clave segura, polo que xa non será necesario instalar ningún software ou hardware adicional e os trámites poden realizarse dende calquera dispositivo móbil (ordenador, teléfono, tableta…). A nova plataforma conta ademais con máis certificados de autoservizo, como a posibilidade de xerar certificados de empadroamento.

A día de hoxe, os trámites realizados a través das sedes electrónicas da Deputación e os concellos, sumadas ás que proceden do Sistema de Inconexión de Rexistros (RIS) xa superan as entradas efectuadas nos rexistros de forma presencial.

Máis de 300.000 rexistros de entrada recibidos de forma electrónica a través da plataforma impulsan a Deputación a seguir traballando na mellora da administración electrónica na provincia.

A Deputación investiu 123.904 euros na renovación das sedes electrónicas das administración locais da provincia.