A Deputación reforza o servizo de Teleasistencia

Xosé Regueira (esquerda, do BNG) e Valentín Formoso, do PSOE, vicepresidente e presidente da Deputación respectivamente

A Deputación da Coruña reforza estes días o contacto coas 2.483 persoas maiores da provincia da Coruña que hoxe en día son usuarias do Servizo de Teleasistencia.

A Teleasistencia da Deputación está funcionando con normalidade, aínda que se está a facer un especial esforzo no contacto periódico cos usuarios e usuarias do servizo para verificar o seu estado de saúde e para transmitir información sobre a importancia de manter determinadas normas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social que contribúan a frear a propagación do coronavirus.

“O servizo de Teleasistencia da Deputación está funcionando a pleno rendemento para dar tranquilidade aos nosos maiores que viven sos e ás súas familias, que saben que teñen a alguén ao outro lado do botón vermello as 24 horas do día, os 365 días do ano”, destacan desde o goberno provincial ao tempo que agradecen ás operadoras “o importante labor que están desmpeñando para acompañar os maiores coruñeses durante esta crise sanitaria”.

O Goberno provincial lembra que aínda é posible tramitar novas altas no servizo de Teleasistencia, que a Deputación da Coruña presta de xeito gratuíto nos concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. As novas altas tramitaranse a través dos servizos sociais municipais, en base ás circunstancias sociais e persoais do novo/a usuario/a.