A Deputación promociona o Camiño Inglés na World Travel Market de Londres

O deputado de plans provinciais e turismo, Xosé Regueira (BNG)

Dende onte e ata o mércores, a Deputación da Coruña participa en Londres na World Travel Market (WTM), unha das feiras de turismo máis importes de Europa, onde se amosan as novidades e plataformas de promoción do sector turístico. Ademais, ofrece espazos innovadores, creadores de tendencias, relacións comerciais e conferencias sobre o que está a suceder na industria turística.

Por primeira vez, a Deputación participará nesta importante feira turística cun posto propio, especialmente dedicado ao Camiño de Santiago, especificamente ao Camiño Inglés e ao Camiño Fisterra-Muxía, co obxectivo de fomentar o seu coñecemento e posibilitar que maior número de peregrinos e turistas se animen a percorrer estas rutas situadas na provincia da Coruña.

Unha delegación do ente provincial participará estes días na capital británica en diversos actos e reunións incluídas no programa do evento. Durante esta semana, os miles de visitantes que acolle a WTM de Londres poderán coñecer material promocional da provincia e, en concreto, destes dous itinerarios xacobeos que discorren integramente pola provincia da Coruña.

Ademais, na feira presentarase o novo vídeo de promoción turística do Camiño Inglés, con referencias aos 18 concellos que atravesa o Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago).

Por outro lado, os membros da Deputación da Coruña asistirán a un cóctel que terá lugar esta tarde na Embaixada de España no Reino Unido para todas as administracións públicas que participan na WTM e no que se presentará un novo produto turístico denominado “Art, Design & Fashion Green Spain”.