A Deputación personarase tamén na causa para a recuperación do Pazo de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

A Deputación da Coruña solicitará sumarse na causa para a recuperación do Pazo de Meirás que se segue no Xulgado da Coruña para que o inmóbel en mans da familia Franco pase a ser patrimonio público. Así o decidiu o goberno da Deputación e así llo trasladou hoxe, Xosé Regueira, aos membros da Xunta de Portavoces, entre eles ao de Marea Atlántica, grupo que presentou unha moción sobre este tema que se debaterá no próximo pleno a quen tamén notificou a vontade de eliminar todos os símbolos e recoñecementos franquistas que perduran na institución.

O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Xosé Regueira, foi o encargado de transmitir a decisión do goberno de comparecer de maneira urxente na causa que se segue no Xulgado de 1ª instancia n. 1 da Coruña para recuperar o Pazo de Meirás para patrimonio público.

“Foi unha decisión que xa se acordara na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, creada por impulso desta Deputación, que nós queremos cumprir e facer parte como parte implicada que tamén o foi no espolio que fixo que o predio e a edificación fosen dar en mans de Franco e os seus herdeiros”, sinalou Xosé Regueira que comunicou a decisión aos portavoces dos grupos con representación no pleno.

Na xuntanza estudouse tamén o documento presentado polo Colectivo de presas e presos políticos da ditadura que recolle unha relación de 32 elementos de simboloxía franquista e recoñecementos que aínda non se eliminaron en distintos centros da institución. Neste sentido, a Xunta de Portavoces acordou solicitar un informe ao servizo de asesoría xurídica da Deputación para garantir o cumprimento escrupuloso da Lei de memoria histórica.

O vicepresidente da Deputación polo BNG, Xosé Regueira, lembrou que “a Deputación da Coruña desenvolveu tamén no último mandato importantes accións neste camiño como a eliminación das honras a Francisco Franco, a investigación, o recoñecemento e a homenaxe aos membros da corporación democrática represaliados ou mesmo na elaboración dos informes xurídico e histórico para avalar documentalmente todo o proceso para a recuperación do Pazo de Meirás que agora inicia unha nova e agardamos que definitiva fase”.