A Deputación inicia as obras de construción da nova ponte sobre o río Mero que unirá os concellos de Oza-Cesuras e Abegondo

A Deputación da Coruña comezou as obras de construción da nova ponte na DP 0106 sobre o río Mero, no lugar da Barcia (Cis), que conecta os termos municipais de Oza-Cesuras e Abegondo.

As obras foron adxudicadas hai uns meses por 255.516 euros, pero houbo que esperar a que o nivel das augas do río estivera baixo o terreo seco para poder iniciar os traballos, que teñen como obxectivo a eliminación dun punto negro de tráfico debido ao estreitamento repentino da plataforma do vial sobre ponte vella, o que ocasionaba dificultades para o paso de dous coches simultaneamente.

O proxecto contempla deixar unha anchura de vía uniforme en todo o percorrido, o que mellorará notablemente as condicións de seguridade da estrada, que conta cun elevado volume de tráfico, xa que comunica dous concellos limítrofes.

O proxecto inclúe as adaptacións requiridas por Augas de Galicia, entre as que se inclúen a protección dos taludes dos estribos mediante muros de escollera e a habilitación dun paso para pescadores.

A nova ponte contará con dous carrís de 3,25 metros, beiravía de medio metro, beirarrúas de 1,55 m. e barreiras de protección con varanda metálica, o que supón unha anchura total de 9,55 metros. A cimentación realizarase con 10 pilotes de 1 metro de diámetro e 8 metros de lonxitude no estribo.

O taboleiro consistirá nun forxado de 4 vigas en dobre T, sobre o que se disporá unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa e as beirarrúas, de lousas de formigón, que contribuirán tamén a mellorar a seguridade peonil na zona.