A Deputación e Acruga estudan promover un plan conxunto de promoción da Rubia Galega

Un exemplar de rubia galega

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, reuniuse na sede da Deputación co presidente da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga), César Dorado Pin, para tratar a posible colaboración da institución provincial nun plan de potenciación deste tipo de gando, un dos expoñentes máis representativos do agro galego.

O presidente de Acruga detallou o traballo que leva a cabo a entidade, constituída hai máis de 50 anos e que hoxe agrupa a un total de 1.746 explotacións en toda Galicia, 167 delas na provincia da Coruña, para mellorar a xenética e a eficacia reprodutiva da raza, promover a recría nas explotacións de orixe e posicionar esta especie como un referente de calidade a nivel comercial.

César Dorado explicou que, a pesar do importante traballo levado a cabo por Acruga, nos últimos anos estase a producir un descenso no censo de exemplares de Rubia Galega debido á avanzada idade dos titulares das explotacións, a falta de relevo xeracional no eido rural, a ausencia de axudas aos gandeiros para o fomento de razas autóctonas e a carencia duns prezos dignos e estables durante todo o ano.

O deputado Blas García interesouse polo traballo de conservación, divulgación e promoción da Raza Rubia Galega que desenvolve Acruga e comprometeuse a estudar a posibilidade de colaborar nun plan conxunto que axude a contrarrestar o descenso de exemplares desta especie e contribúa a impulsar a recría e a posta en valor da súa carne no mercado.

Apostar polo rural e polos produtos autóctonos

“A Rubia Galega é unha raza autóctona que é preciso conservar debido á súa gran influencia na economía rural, pero tamén no aspecto social e ambiental”, apuntou García, que destacou que “os obxectivos de Acruga e da Deputación coinciden en aspectos fundamentais como apostar polos nosos produtos autóctonos e axudar a dinamizar a economía, crear emprego e fixar poboación no eido rural. Un rural sen servizos e sen actividade económica non terá futuro”, apuntou o responsable de Promoción Económica da Deputación.

A provincia da Coruña cun total de 167 explotacións e 4.027 cabezas de gando de Rubia Galega, o que nos sitúa como a segunda provincia de Galicia con máis exemplares desta raza, por detrás de Lugo, que concentra o 77 % da produción.

Segundo os datos de Acruga, Ponteceso (12 explotacións), Muxía (11), Cedeira (10), Tordoia (9) e Melide (8) contan co maior número de explotacións dedicadas a esta especie, que se atopan diseminadas en practicamente todo o territorio provincial.