A Deputación destina máis de medio millón de euros a apoiar festivais dos concellos

Vai de rúa

Un total de 545.607, 58 é o total do orzamento que a Área de Cultura da Deputación da Coruña destina nesta nova edición a apoiar os festivais culturais organizados polos concellos. Cineuropa, O Festival de Ortigueira, Curtocircuíto, Rock in Cambre, a Mostra de Teatro de Cariño, o Interplay de Carballo ou o Asalto ao Castelo de Vimianzo son algúns dos 28 festivais que reciben financiamento por esta liña. A esta resolución sumarase a destinada a festivais organizados por entidades co que se superará o millón de euros.

Case trinta festivais audiovisuais, de artes escénicas ou musicais organizados directamente polos concellos da Coruña reciben da Deputación da Coruña un total de 545.607,607€ a través da liña de concorrencia competitiva da que o BOP publica este martes día 13 de maio a resolución provisional. Festivais de longo percorrido como o de música celta de Ortigueira e outros de máis nova creación como o Mares do Fin do Mundo de Carnota que chega á súa segunda edición son algúns dos 28 festivais que a Deputación da Coruña apoia a través desta liña de axudas que sitúan a institución na primeira en colaboración financeira neste ámbito de difusión cultural.

No ámbito audiovisual, a Deputación apoia festivais como Cineuropa, Curtocircuíto, Interplay, Mares da Fin do Mundo de Carnota, Curtametraxes Vila de Noia, Chanfaina Lab de San Sadurniño, Festival Internacional de Cine Infantil, Cinema Crianza, de Ames ou o Festival de Cinema Premios Fouciño de Zas reciben axudas para a promoción e difusión no ámbito audiovisual.

Na música, inclúense algúns dos festivais con maior tradición na cultura galega coma o Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira ou o Festival do Queixo de Arzúa ademais do Rock in Cambre, Guísamo Folk, Festival das Ondas de Fene, Traz outro amigo também de Cedeira, Festival Internacional de Blues de Fisterra, Noite de Bolos de Neda, Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, Noia Jazz, Festival Desordes Sonoras de Ordes, Naturfest de Rois, Silsalde de Arteixo, Noites de Jazz de Rianxo ou o Asalto ao Castelo de Vimianzo.

Tamén en artes escénicas, a Deputación da Coruña apoia a realización de festivais como o Vai de Rúa de Betanzos, a Mostra de Teatro de Cariño, Festival de Maxia de Lousame, Rúa Ext-cénica de Oleiros ou o de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón.

Nova liña creada neste mandato

“Os festivais son unha extraordinaria plataforma de promoción cultural que afortala o sector creativo ademais de ser unha maneira de achegar a cultura ás persoas seguindo o lema que nos defendemos de que a cultura é un dereito”, explica a vicepresidenta e responsábel da Área de Cultura da Deputación da Coruña, a nacionalista Goretti Sanmartín Rei.

Esta liña de axudas foi creado no actual mandato, pola área de cultura que dirixe o BNG. A premisa era apoiar os festivais culturais de base e promover, deste xeito, a presenza de novas propostas nos municipios da provincia, suprimindo as axudas discrecionais que o anterior goberno provincial outorgaba sen criterios obxectivos nin públicos.