A Deputación destina 108 000 euros para apoiar a 33 entidades agrarias e labregas da provincia nos seus investimentos

Unha horta da comarca de Betanzos

A Deputación da Coruña publicou o pasado día 27 no Boletín Oficial da Provincia a resolución provisional dunha das liñas de subvencións dirixidas a entidades agrarias e labregas da provincia, financiando con 107.921,18 euros a realización de diferentes investimentos.

Un total de 33 sociedades e cooperativas agrarias, forestais, gandeiras e comunidades de montes recibirán o apoio da área de Promoción Económica da Deputación para financiar proxectos de mellora, modernización e dixitalización das súas instalacións, adquisición de maquinaria agrícola, construción e acondicionamento de pistas ou repoboacións forestais, entre outras. As axudas suporán o financiamento do 80% destes investimentos e oscilan entre os 1.650 e os 6.200 euros, en función do importe solicitado.

O obxectivo é “apoiar e impulsar melloras en sectores clave para a economía coruñesa coma o agrario, o lácteo ou o forestal”, explicou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que anunciou que a principios de decembro terá lugar a resolución doutra liña de axudas ao sector, con máis de 450.000 euros de orzamento, para apoiar ás entidades agrarias e labregas no desenvolvemento de actividades.