A Deputación da Coruña agradece o traballo das agrupacións de Protección Civil da provincia durante a pandemia

Voluntarios de Protección civil en tarefas de desinfección no Campo. Imaxe: web do concello de Betanzos

A Deputación da Coruña agradece o “gran traballo” realizado polas agrupacións de Protección Civil da provincia da Coruña durante a crise da Covid-19 e prepara, en canto a situación o permita, “un acto público de recoñecemento a todos os voluntarios e voluntarias que deron o mellor de si mesmos durante a pandemia”.

Así o trasladaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o deputado de Promoción Económica, Blas García, aos responsables dunha vintena de agrupacións da provincia e da Asociación Provincial de Protección Civil cos que mantiveron unha reunión telemática.

Na reunión, ademais da Asociación Provincial de Protección Civil, participaron representantes das agrupacións de Vedra, Cerceda, Mazaricos, Pontedeume, Cedeira, Ferrol, Coristanco, Fene, Valdoviño, Betanzos, Oroso, Dumbría, Muros, Santiago, Negreira, Ames, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Boqueixón, A Laracha, Abegondo e Ortigueira.