A Deputación convoca o Premio Rosalía de Castro para recoñecer a quen traballa polo futuro do galego

Recoñecer iniciativas, traballos ou entidades comprometidas coa promoción e uso do galego é o obxectivo do Premio Rosalía de Castro da Deputación

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño (dereita) e o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira (centro)

da Coruña que chega a súa undécima edición. O prazo para presentar candidaturas remata o 30 de abril.

O XI Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña convócase con dúas categorías, unha categoría para recoñecer aquela persoa, colectivo, entidade ou asociación que destaque na promoción da lingua galega e outra específica para quen traballa coa dinamización da poboación de menor idade, infancia e mocidade.

“Esta semana en que se conmemora o nacemento de Rosalía de Castro, para a Deputación da Coruña quere recoñecer ás persoas e colectivos que seguiron a súa estela de dignificación e promoción da nosa lingua e, por iso, nada mellor que o seu nome para premiar a quen traballa polo compromiso co futuro do galego”, sinala a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño.

En cada unha das categorías, os premios serán de 3.000 euros que se concederán a persoas, colectivos, asociacións ou entidades polo seu traballo de promoción da lingua galega. Entre os criterios de valoración teranse en conta o traballo continuado a favor do uso do galego, actuacións concretas, campañas de promoción ou contribución á galeguización na categoría xeral e, na de poboación de menor idade, terase en conta tamén as actuacións e traballo que teñan como obxectivo o fomento da transmisión interxeracional. Na anterior edición, gañaron o Rosalía de Castro o xornal de información científica Gciencia e o proxecto 21 Días co Galego.

O prazo para presentar candidaturas remata o 30 de abril e poderán facelo calquera persoa ou entidade e tamén os membros do xurado, neste caso, cando menos, 72 horas antes da sesión de deliberación. Pódense consultar as bases na seguinte ligazón: