A Deputación concede subvencións a entidades ambientais por máis de 191 mil euros

O Mandeo

A Deputación da Coruña vén de publicar a concesión definitiva das axudas para apoiar ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que traballan no ámbito da conservación e protección do medio ambiente.

Trátase de dúas liñas, que este ano suman un investimento total de 191.878,26 euros, destinadas ao financiamento de investimentos e actividades no ámbito do medio ambiente durante o ano 2020.

Programas de voluntariado e sensibilización ambiental, accións de posta en valor dos recursos naturais ou de conservación do medio ambiente son algunhas das actividades que apoia esta convocatoria, segundo explicou o presidente en funcións da institución provincial, Valentín González Formoso, que destacou “o papel fundamental que desenvolven as asociacións ecoloxistas e de protección da natureza na preservación do medio natural”.

Un total de 8 entidades recibirán axudas por importe de 53.537,07 para a realización de investimentos coma a adquisición de parcelas de interese ambiental en Barazón-Santiso e (Asociación Galega de Custodia do Territorio), compra dun vehículo para actividades medioambientais (Asoc. Mar de Fábula) ou compra de material audiovisual e informático para actividades e divulgación ambiental (Sociedade Galega de Historia Natural). A Fundación Fragas do Mandeo recibirá 3582 euros para o seu programa de custodia do territorio.

Na liña de actividades, 16 entidades medioambientais coruñesas recibirán un total de 138.341,19 euros para accións coma un programa de sensibilización ambiental sobre a importancia das aves urbanas na cidade de Compostela (Asoc. Adiantium), programa “Achégate aos morcegos” da Asociación Drosera, programa “Aprendendo na Natureza” da Asociación Néboa; programa de Redución de uso de plásticos da Federación Galega de Medio Ambiente, programa de custodia do territorio da Fundación Fragas do Mandeo ou programa de conservación da Píllara nas dunas do Barbanza, da Sociedade Española de Ornitoloxía.