A Deputación comeza a instalación do taboleiro da nova ponte sobre o río Mero

Un intre dos traballos. Imaxe da Deputación

A Deputación da Coruña avanza nas obras de construción da ponte da DP 0106 sobre o río Mero, no lugar da Barcia (Cis), que conecta os termos municipais de Oza-Cesuras e Abegondo.

Técnicos do servizo provincial de Vías e Obras supervisaron estes días a instalación, coa axuda dun guindastre de grandes dimensións, das vigas e o novo taboleiro do viaduto, que consiste nun forxado de 4 vigas en dobre T, sobre o que se disporá unha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa e beirarrúas de lousas de formigón. A previsión é que os traballos poidan rematar en xaneiro ou febreiro de 2020, en función de que a meteoroloxía permita executar os firmes e impermeabilizacións da nova estrutura.

As obras contan cun orzamento de 255.516 euros e axudarán a eliminar un punto negro de tráfico, onde se estreitaba notablemente a plataforma do vial, o que ocasionaba dificultades para o paso de dous coches simultaneamente nunha zona que conta cun elevado volume de tráfico, xa que comunica dous concellos limítrofes.

A nova ponte contará con dous carrís de 3,25 metros,beiravía de medio metro, beirarrúas de 1,55 m. e barreiras de protección con varanda metálica, o que supón unha anchura total de 9,55 metros.

O proxecto inclúe as adaptacións requiridas por Augas de Galicia, entre as que se inclúen a protección dos taludes dos estribos mediante muros de dique e a habilitación dun paso para pescadores.