A Deputación aposta por unhas festas en igualdade

A deputada provincial de Igualdade, Maria Muíño polo BNG (segunda pola esquerda) 

Eliminar a violencia machista nas conmemoracións, contra o acoso, pola conciliación e para abolir a división sexista dos xoguetes son algunhas das propostas que se recollen no decálogo “Por unhas festas en igualdade” que forma parte da campaña se presentou esta mañá na Deputación da Coruña. A deputada e a técnica da área de Igualdade, María Muíño e Eva Ovenza deron conta da iniciativa que ten como obxectivo contribuír a que o machismo desapareza das conmemoracións deste Nadal e das festas que se desenvolven ao longo do ano .

“Por unhas festas en igualdade” é o título do decálogo que a área de Igualdade da Deputación da Coruña distribúe como inicio dunha campaña que se prolongará ao longo do ano e que busca contribuír a eliminar o machismo das festas.

A campaña bota a andar no inicio das conmemoracións de Nadal e, como dixo a deputada da área de Igualdade, María Muíño, irá incorporando novos materiais en distintos soportes para continuar en conmemoracións especialmente relevantes no calendario anual. “Busca que se tome conciencia e que entre todos e todas eliminemos o machismo nas festas e para iso promovemos a difusión de dez reflexións ou pautas que queren facer desaparecer situacións que se repiten nas conmemoracións e que se caracterizan polo sexismo que significan”, explicou a deputada de Igualdade, María Muíño.

“Nas festas non todo vale, insistir é acosar acosar é agredir, NON é NON. drogas e alcohol non son unha xustificación ante as agresións”, “Inclúe a linguaxe de xénero na túa comunicación, coida a selección musical que non sexa sexista e non empregues imaxes sexistas”, “O xogo é ceibe e espontáneo, non existen xoguetes nin cores de nenos e nenas, non fomentes esta división, déixaos que elixan en liberdade” son algunhas das indicacións que recolle o decálogo que se difundirá polas distintas redes que ten a Deputación da Coruña e, de maneira especial, nos concellos da provincia.

Pola súa parte a técnica de Igualdade, Eva Ovenza, sinalou que o Nadal é “un tempo de socialización e intentamos que con este decálogo as persoas se comprometan e responsabilicen, non entrando en bromas sexistas, non acosando, alertando cando iso suceda ou deixando que as crianzas podan seleccionar os xoguetes que queiran pedir en liberdade”.

Na rolda de prensa presentouse tamén unha nova edición actualizada da guía “linguaxe non sexista” que se distribúe a todo o persoal da Deputación da Coruña mais tamén aos concellos para as corporacións e o seu persoal e tamén a través das redes sociais. “Queremos que o machismo se elimine tamén na linguaxe e por iso poñemos a disposición de todo o mundo este recurso que quere que se faga normal o uso dunha linguaxe inclusiva, sen que deixe fóra ás mulleres como habitualmente acontece”, afirmou María Muíño.

O manual fornece dun breve glosario cos conceptos básicos empregados e ofrece exemplos reais de sexismo lingüístico ademais de substitutos prácticos para evitarmos palabras e expresións discriminatorias na comunicación oral e escrita tanto na vida profesional como na persoal, social ou familiar.

As dúas iniciativas forman parte do conxunto de medidas que se incorporan ao Plan de acción en políticas de igualdade da Deputación da Coruña que se aprobou no pleno do mes de outubro.