A Deputación apoia con 412.000 ás actividades de fundacións e entidades que xestionan museos, bibliotecas ou centros culturais

Case trinta fundacións e entidades que xestionan museos, bibliotecas ou centros de interpretacións reciben axuda da área de Cultura da Deputación da Coruña para o desenvolvemento dos seus programas culturais cun orzamento que, nesta edición, supera os catrocentos mil euros, entre elas o CIEC que recibirá 24 mil euros para a organización dos seus cursos.

A Deputación da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a aprobación da concesión provisional de subvencións correspondentes á convocatoria de subvencións a fundacións e a entidades sen fins de lucro da provincia da Coruña titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas, para o desenvolvemento de actividades culturais durante o ano 2020, e mediante o cal se adicarán 412.649,09 euros para tal fin.

Un total de 28 entidades recibirán o apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña para a realización dos seus programas, entre as que se atopan o Museo do Pobo Galego, a Fundación Luís Seoane, a Fundación Torrente Ballester, a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Wenceslao Fernández Flórez, o Museo Terra de Melidea Fundación Dardo, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos ou a a Fundación Centro Internacional de la Estampa Contemporánea.

“O apoio ao tecido cultural e, neste caso, ás fundacións e entidades que desenvolven unha importantísima actividade en todo o territorio desde os seus propios espazos é unha das liñas de traballo da área de Cultura que se concreta nesta liña de axudas e tamén noutras convocatorias dirixidas a todo tipo de entidades”, sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto (BNG). Desta maneira, e neste ano con programas adaptados ás novas circunstancias provocadas pola Covid, a convocatoria de axudas en concorrencia competitiva aposta por, na medida das posibilidades, reforzar un sector que se viu especialmente afectado pola pandemia.