A Deputación ampliará a a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña cunha senda entorno ao encoro de Cecebre

Encoro de Abegondo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, presentaron esta mañá os proxectos que a institución provincial está a impulsar no eido da mobilidade sostible nos concellos coruñeses co apoio do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica do Goberno de España.

Uns proxectos que, segundo explicou o presidente da Deputación, “suman un importante investimento de máis de 9 millóns de euros e que permitirán crear 130 novos quilómetros de vías ciclistas en 19 concellos da provincia” con proxectos singulares coma a ampliación da Rede Ciclista Metropolitana da Coruña a Cecebre, Cambre e Carral; a creación da primeira Vía Verde da provincia, que conectará Santiago e Cerceda ou a construción de sendas ciclables en 11 faros da zona das comarcas de Ferrolterra-Ortegal, Costa da Morte e ría de Muros.

Destes 9 millóns de euros, 7,2 proveñen de fondos FEDER a través das axudas que convoca o IDAE para proxectos de economía baixa en carbono en concellos de menos de 20.000 habitantes e os restantes 1,8 millóns son financiados con fondos propios da Deputación da Coruña.

González Formoso subliñou “a aposta da Deputación por un novo modelo de mobilidade máis sustentable, respectuoso co medio ambiente e enerxeticamente eficiente, no que a bicicleta ten un protagonismo importante”.

“Os carrís bici e sendas ciclables están habitualmente nas cidades e no seu entorno máis próximo. Na Deputación queremos estendelo tamén aos municipios máis pequenos e rurais, onde funcionarán como un elemento de vertebración do territorio de dinamización turística”, sostivo o presidente da Deputación da Coruña.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou na súa intervención a visión de futuro do ente provincial, en concordancia coa axenda 2030 do Goberno de España. O delegado sinalou que os proxectos presentados forman parte dun investimento global de máis de 66 millóns de euros do ministerio de Transición Ecolóxica para 139 proxectos na provincia, 11 deles xestionados pola Deputación. Losada tamén gabou o traballo da deputación na provincia, “é un exemplo de coordinación cos concellos para favorecer o desenvolvemento destes”.

Senda Ciclable Abegondo-Cecebre

Con este proxecto, a Deputación pretende ampliar a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ata o entorno da presa de Cecebre. O novo carril bici discorrerá en gran parte pola Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñeses e Terras do Mandeo, utilizando como base camiños públicos que bordearían o encoro, saíndo un ramal para Guísamo e outro que aproveita o Val do Barcés para chegar a Carral, pasando por núcleos de poboación de Abegondo, entre os que destaca Sarandóns.

Desde a pasada semana, os proxectos contan con todas as autorizacións administrativas necesarias, polo que o seguinte paso será tramitar as encomendas de xestión cos concellos implicados (Abegondo, Bergondo, Betanzos e Carral) e aprobar a contratación das obras, que suporán a construción de case 30 novos quilómetros de vías ciclistas e un investimento de preto de 2,5 millóns de euros.

Itinerarios ciclistas nos faros da provincia

O terceiro dos proxectos incluídos na primeira fase do Plan director de mobilidade ciclista da Deputación da Coruña é a construción de sendas ciclistas en 11 dos 26 faros en funcionamento que ten a provincia da Coruña ao longo dos seus 956 quilómetros de costa.

Os proxectos están actualmente adaptando a súa redacción aos requirimentos de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. Suporá un investimento de 4,5 millóns de euros para a construción duns 60 quilómetros de sendas nos faros