A Deputación abre ás visitas o pazo provincial

Un acto sobre a devolución de Meirás no Teatro Colón, parte do pazo provincial

O Pazo provincial, sede administrativa da Deputación da Coruña, permanecerá aberto a todos os cidadáns e cidadás na tempada estival con motivo da campaña “Visitas guiadas ao Pazo Provincial. Historia entre catro paredes”.

Esta segunda edición da campaña conta con dez quendas de visitas guiadas dunha hora de duración, aproximadamente. O percorrido da visita guiada comezará no vestíbulo do Pazo Provincial e, da man dun guía profesional, poderase coñecer a historia do edificio, percorrer as principais salas, contemplar unha vista panorámica desde as súas terrazas e descubrir as historias humanas vividas entre as súas paredes.

As visitas guiadas, de carácter gratuíto, terán lugar todos os mércores desde o 3 de xullo ata o 4 de setembro. Hai que anotarse previamente ou no teléfono ou por mail.

O Pazo de Mariñán tamén é visitable

Tamén se pode visitar o pazo de Mariñán, de titularidade provincial igualmente. Os xardíns teñen un amplo horario de apertura para visita libre, e a Deputación organiza visitas guiadas para explicar os xardíns e hortas e visitar as dependencias do pazo.