A auga e follas sobre as vías obrigan a un tren a deter a marcha cara Ferrol

Estación de tren de Betanzos-cidade

Un tren que cubría o traxecto A Coruña-Ferrol tivo que dar volta onte tras patinarlle as rodas no tramo Betanzos-Perbes. A acumulación de auga e follas sobre a vía, tras os intensos temporais destas xornadas, motivaron a decisión de recuar do convoi.

Os 13 ocupantes do ferrocarril tiveron que proseguir por estrada a súa viaxe cara Ferrol. Operarios de mantemento de ADIF acudiron ao tramo afectado para retirar a follaxe acumulada nas vías e poder reactivar a circulación ferroviaria.