A área de Igualdade da Deputación difunde recursos contra a violencia machista en situación de confinamento polo COVID-19

A deputada de Igualdade, María Muíño (dereita)

A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que dirixe a deputada nacionalista María Muíño, está a difundir os recursos de prevención da violencia machista urxentes en situacións de confinamento como a que estamos a vivir provocada pola COVID-19. Nos materiais distribuídos recóllense os teléfonos de atención ás mulleres e as indicacións para saír de situacións de emerxencia.

“O confinamento acrecenta a perigosidade de situacións de violencia machista e fai máis difícil acceder aos recursos existentes por iso, desde as institucións, temos que facer un esforzo nestes momentos para poñer á man das mulleres que o precisen a axuda necesaria para que poidan saír e defenderse”, sinala a deputada de Igualdade, María Muíño (BNG).

Neste sentido, a Deputación da Coruña difundiu unha guía na que se poden atopar os recursos existentes de información e asesoramento e, de maneira especial, os abertos para situacións de emerxencia.

“Perante unha situación de perigo e agresión, abandona a vivenda e pide axuda. Se o fixeres para te dirixires a recursos policiais, non terás ningunha sanción. Se non puideres saír, busca un espazo seguro no teu domicilio e telefona ao 112 ou ben envía unha mensaxe na app ALERTCOPS”, sinala a guía que tamén informa de que as mulleres poden procurar un aloxamento temporal seguro telefonando ao 016 ou dirixíndose aos servizos municipais.

Ademais doutras iniciativas e programas, a información inclúe a Guía de Recursos elaborada pola Deputación da Coruña no marco do Plano provincial de Igualdade 2019-2023.