A área de cultura da Deputación apoia máis de 20 proxectos de relevancia social e cultural

Xurxo Couto (BNG) é o deputado provincial de cultura

A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia 22 proxectos de relevancia no ámbito social e cultural do tecido cultural privado. A través dunha liña de axudas en concorrencia competitiva destina 260.777 a financiar iniciativas de empresas e axentes do sector.

Ademais das convocatorias que teñen como obxectivo apoiar a actividade de entidades asociativas e concellos, a área de Cultura da Deputación da Coruña apoia tamén o sector cultural privado a través da liña de subvencións en concorrencia competitiva para proxectos singulares a través da que, nesta nova edición, financia 22 iniciativas promovidas por empresas ou compañías ás que destina un total de 260.777,74 €.

Proxectos audiovisuais, de artes escénicas, de difusión cultural ou arredor do patrimonio material e inmaterial son algúns dos ámbitos das solicitudes que nesta nova edición da liña de axudas conseguen o apoio económico da área de Cultura da Deputación da Coruña.

“As solicitudes presentadas dan medida da grande variedade de proxectos e a creatividade da nosa cultura que procede dun sector privado que neste ano está a padecer de maneira especial a crise provocada pola aparición do coronavirus, por iso, esta liña de axudas é este ano máis significativa e queremos que sirva para que os equipos humanos que están detrás destas vinte e dúas propostas poidan desenvolver o seu traballo”, destaca o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Por terceira vez consecutiva, a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca a liña de axudas que busca apoiar proxectos singulares de especial valor social, patrimonial ou creativo promovidos por entidades lucrativas, empresas, compañías ou particulares do sector privado cultural. “Trátase, como se pode comprobar na resolución, de proxectos de especial relevancia social, medioambiental, comunitaria ou patrimonial que reverten no ben social e que forman parte da actividade dun sector cultural que viu neste ano moito máis minguadas as posibilidades de desenvolver as súas iniciativas”, explica Xurxo Couto.

Accións divulgativas do compromiso da arte contra a violencia, residencias itinerantes de cultura dixital, recursos en liña sobre patrimonio industrial, documentais sobre Xosé Vizoso ou os Xenerais da Ulla, un festival virtual do libro, unha iniciativa de artes ao vivo en cemiterios históricos, unha novela visual sobre o amor na mocidade, catálogo de ilustradas, unha proposta de posta en valor de espazos públicos a través da escenificación de textos clásico, a creación dunha peza teatral ou unha iniciativa para salvagardar o patrimonio cultural dos arrieiros son algúns dos proxectos que reciben axuda por medio desta convocatoria da área de Cultura da Deputación da Coruña.

Pódese consultar a resolución no BOP do día 12 de novembro.