Visita do conselleiro e concentración de Amigos do Pasatempo para celebrar o BIC para o parque enciclopédico

O tempo remátase para o Pasatempo

Dúas fotos moi diferentes a uns centenares de metros de diferencia. O conselleiro de cultura en San Francisco, rodeado da alcaldesa e de concelleiros do PP e do PSOE. E a Asociación de Amigos do Pasatempo no parque, co voceiro do BNG. Son as dúas imaxes que deita o anuncio, tras o Consello da Xunta celebrado onte, de declaración do parque coma Ben de Interese Cultural (BIC).

O anuncio chega, cando restan apenas uns días para que venza o prazo máximo de 2 anos que a lei fixa para resolver este tipo de declacións. O presidente da Xunta anunciou que se recoñecía o Pasatempo como un dos máximos expoñentes do eclecticismo en Galicia, outorgandolle a máxima protección patrimonial coa categoría de xardín histórico.

O elemento principal delimitado é o propio parque, pero inclúe outros compoñentes singulares como son a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro do peche que, en conxunto, acreditan o seu valor cultural e singularidade tipolóxica. Na roda posterior ao Consello, o presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciou esta declaracióne dixo que “realmente é unha pena como está este ben”, polo que confiou en que entre o concello, a Xunta e a Deputación da Coruña “poida repoñerse”.

Como aspecto innovador deste procedemento, explica o Goberno galego, poderase desenvolver un proxecto ou plan de conservación do xardín histórico, que estableza os criterios para a súa futura conservación, mantemento, restauración, interpretación e difusión. A declaración incluirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarase ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.

Durante a tramitación do expediente, procurouse harmonizar “un alto grao de consenso social coa salvagarda patrimonial”. En concreto, recibíronse un total de 15 alegacións das que 14 delas estimáronse total ou parcialmente, o que supón unha aceptación superior o 93 por cento, destaca a Xunta.
Así mesmo, foron solicitados os preceptivos informes de dous órganos consultivos: a Real Academia de Belas Artes e o Consello da Cultura Galega. Ambas as institucións emitiron senllos informes en sentido favorable á declaración.

O conselleiro de Cultura e edís de PSOE e PP tras anunciar o BIC para o Pasatempo en San Francisco: Xunta

Tras a decisión adoptada, en declaracións aos medios en Betanzos, xunto á alcaldesa, María Barral, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asegurou que a decisión adoptada no Consello supón “un día importante para o patrimonio histórico-cultural de Betanzos” e, en especial, “para este gran espazo monumental de Galicia”. Por outra banda, indicou que, agora, a Xunta traballará na redacción dun proxecto integral de rehabilitación, buscando para iso “financiamento exterior”, sinalou sobre as axudas estatais. Ademais, precisou que a achega que se necesite a maiores financiarase ao 50% entre o concello e a Xunta.

“Entendemos que vai ser unha cantidade significativa pola situación do propio complexo”, admitiu o conselleiro sobre o custo das obras, aínda que asegurou que é “difícil” cuantificar o importe neste momento. “Imos dar o primeiro paso que é a rehabilitación física dun complexo que ten cen anos e despois hai un custo de mantemento, que existe en calquera ben patrimoninal”, lembrou sobre os pasos para dar.

Pola súa banda, a alcaldesa de Betanzos lembrou que, dunha primeira fase, a máis urxente, xa está elaborado o proxecto e que hai xa o orzamento. “Pero agora traballarase conxuntamente e decidiremos os pasos para seguir”, apostilou, tras a declaración de ben de interese cultural, a rexedora, que lembrou que o Parque do Pasatempo está nestes momentos pechado por “seguridade”.

A unhas centeas de metros onde conselleiro e rexedora anunciaban novamente plans de rehabilitación para o conxunto, Amigos do Pasatempo realizaba unha concentración de celebración.  O BNG celebrou a declaración do Pasatempo como Ben de Interese Cultural (BIC). “Hai que ver o contido concreto da resolución da Xunta, mais obviamente é unha boa noticia para o Pasatempo e para Betanzos”, destacou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

Desde o BNG recordan que a resolución de inicio da tramitación do BIC deixaba fóra do ámbito do propio Ben de Interese Cultural o muro orixinal da parte que se conserva do Pasatempo “deixando fóra de protección unha capela cos mosaicos da pedra de abalar de Tandil, a torre de Pisa ou a primeira locomotora”. “Haberá que ver que ámbito de protección delimita esta declaración para ver se garante a protección de todos os elementos orixinais que nos chegaron a hoxe”, explicou Del Río. As nacionalistas cuestionan que, no seu momento, o goberno local do PSOE alegase “inexplicablemente para reducir o ámbito de protección dun ben único como o Pasatempo”.

Recoñecemento a Amigos do Pasatempo

Un intre da concentración de Amigos do Pasatempo

“Hoxe acádase un fin de etapa importante para o Pasatempo, porque se lle acaban as escusas á Xunta para non investir na recuperación do parque enciclopédico”, resaltan as nacionalistas. “Mais non teriamos chegado ao día de hoxe sen o empuxe de moitas persoas que sumaron o seu esforzo en presionar e concienciar a veciñanza, Xunta e goberno local na necesidade de dar a maior protección posible ao Pasatempo”, engadiu o voceiro do BNG. “E singularmente, non se tería chegado a este día sen a determinación da Asociación de Amigos do Pasatempo, que foron quen rexistraron a solicitude para declarar BIC o parque, para vergoña dun goberno local que levaba anos poñendo escusas para non solicitala”, remarca Del Río, que esta tarde participou na concentración convocada pola entidade para celebrar a declaración.

“Dixémolo todo este tempo e mantémolo, é importante ter a declaración coma BIC para o Pasatempo, pero iso só non garante a súa conservación”, advertiu. Neste sentido, o edil do BNG reiterou a demanda á Xunta para que asuma a súa responsabilidade na rehabilitación do Pasatempo. “O presidente da Xunta prometeu este ano que achegaría cartos para rehabilitación do Parque mais no orzamento para 2020 non reserva crédito para a posta en valor deste ben patrimonial. No BNG pedímoslle que cumpra a súa palabra cos veciños e veciñas de Betanzos”, engade.

“En marzo de 2018 a Deputación, por medio da área de patrimonio que dirixe o noso compañeiro Xosé Regueira, destinou case 600 000 euros para rehabilitar o Pasatempo, que son os que financiarán a recuperación do Estanque do Retiro”, recorda Del Río. “Pedímoslle á Xunta que estea á altura das súas responsabilidades e aporte cando menos outro tanto para garantir a conservación deste recinto único en Galiza, tal e como asumiu o PP no acordo ao que chegamos no Parlamento de Galiza”, concluíu.