Unha xincana literaria achega aos escolares a Rosalía na véspera do seu día

Cartel anunciador da primeira homenaxe a Rosalía de Castro no seu día, organizada pola plataforma Queremos Galego e varias entidades culturais da comarca

Cartel anunciador da primeira homenaxe a Rosalía de Castro no seu día, organizada pola plataforma Queremos Galego e varias entidades culturais da comarca

Ao longo da mañá de hoxe terán lugar varias sesións da xincana literaria dramatizada denominada “Rosalía na voz da xente” por conta de Xandobela con motivo do Día de Rosalía de Castro no CEIP Francisco Vales Villamarín e no CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”. É o terceiro ano que o goberno municipal organiza actos en torno ao Día de Rosalía de Castro, que foi proposto no pleno polo BNG trasladando unha iniciativa dunha ducia de entidades culturais de todo o país.

O acto central será a gala conducida por Isabel Risco e na que participarán alumnado dos centros de ensino e a cantautora galaicopalestina Najla Shami, que terá lugar mañá desde as sete do serán na aula de cultura do Liceo coa organización da AC Eira Vella e o propio Concello. Este ano xustamente coincide co Día de Rosalía, o 24 de febreiro, aniversario do seu nacemento. Pero desde inicios deste mes poden verse versos da poeta nos balcóns dos edificios municipais e unha mostra bibliográfica na Biblioteca Municipal.