Unha reportaxe da Sexta pon de novo o foco no abandono do Pasatempo

Estado actual do Pasatempo. A. Amigos do Pasatempo

O informativo do serán de onte da cadea privada La Sexta asomouse ás reixas do Pasatempo para documentar o estado de ruína do centenario parque enciclopédico. Na peza a reporteira amosa un valo de obra que impide acceder ao xardín histórico coa lenda “cerrado por mantenimiento”.

Un “mantemento” que non é tal, como indican para a cadea Ángel Arcay, da Asociación de Amigos do Pasatempo, e o voceiro do BNG, Henrique del Río. Segundo a información facilitada á cadea polo goberno local, “a rehabilitación está xa en trámite e que nun mes terán un proxecto para empezar”.

El Parque del Pasatiempo de Betanzos, un monumento centenario al borde de la desaparición

A cadea constata e amosa para todo o estado español que a pesar destas palabras e do suposto “mantemento” que obriga a pechar o parque, “no seu interior só hai valos de obras, nin traballadores nin actividade algunha”. E explica, para os espectadores de todo o Estado español, como “as esculturas están reducidas a entullos, os balcóns caen a pedazos e do antigo estanque tan só queda a silueta” e advirte que os elementos desprendidos están “sen restaurar e á intemperie”.

Desde a Asociación de Amigos do Pasatempo, Arcay explica que “antes o parque estaba en mal estado pero estaba aberto, agora si que hai problemas estruturais”. Del Río, pola súa banda, explica que “o goberno municipal do PSOE e a Xunta do PP cruzan declaracións e todo o postergan a cando se resolva a declaración ou non do parque como ben de interese cultural”. “Betanzos é sinónimo de patrimonio e dentro do patrimonio, obviamente, o primeiro parque temático de Europa é unha xoia”, engade.

O goberno local non atende a La Sexta

A reportaxe deixa, outro detalle sobre a xestión municipal do goberno municipal do PSOE sobre o Pasatempo. “No goberno municipal tampouco nos atenden”, explica a televisión, apenas iniciada a reportaxe tras verificar que non hai operarios executando as tarefas de mantemento que, segundo o cartaz, impiden visitar o parque.

O executivo asegúralle á cadea, malia non atendela, que en nada terá o proxecto para rehabilitar a Horta de Don Juan.”En teoría están todos de acordo, pero na práctica este monumento con máis de 125 anos de antigüidade está cada vez máis preto da desaparición” conclúe a peza escrita para o web da televisión, que reproduce en boa medida a voz en off da reporteira, que compón a peza.