Unha obviedade e media ducia de mentiras sobre o Pasatempo

O novo desprendemento. Imaxe do Concello

Ríos de tinta e milleiros de teclas ten ocasionado o estado do parque do Pasatempo nestes anos, a causa do acelerado estado de de terioro que ten acabado por prender as alertas das entidades patrimonialistas polo perigo real de que desapareza o anaco que chegou ata a actualidade.

Na polémica interesada que se ten creado en torno ao enésimo derrubamento do parque enciclopédico hai moitas medias verdades, mentiras interesadas e pásase por alto algo moi obvio. Vexamos.

A obviedade: o Pasatempo é propiedade municipal

Desde o 1 de marzo de 1986, hai 33 anos, data en que o Concello adquire os restos do parque enciclopédico, o parque é de titularidade municipal. Por máis de 30 millóns de pesetas da época, a pagar en varios prazos, o municipio fíxose coa ladeira dividida en socalcos para “conservar todo o conservable”, en palabras do rexedor na época. A pesar do anuncio, ao pouco sepúltase para sempre o estanque dos papas para levantar o estadio García Irmáns.

Resulta obvio, mais deixouse de lado en todo este debate, que en tanto que propiedade municipal, corresponde ao Concello manter seguridade e ornato no predio e correr co seu mantemento, con canto isto conleva. Entre outras, ter os proxectos de obra e de rehabilitación precisos para acometer a tarefa de “conservar todo o conservable”.

Mentira 1: Comprado para “conservar todo o conservable”

Ao pouco de comprarse o Pasatempo demoléronse as casas taquilla e a dos espellos, sepultouse o Estanque dos Papas e, unha década máis tarde, executouse unha reconstrucción por libre que, entre outras aberracións, supuxo a destrución dos vestixios do león colosal e o seu cambio por outro novo león novo e diferente ao orixinal- o que agora se limpa de pintadas priorizándoo sobre elementos centenarios.

En paralelo promovíase unha urbanización de chalets no entorno do Pasatempo, mentres que sobre os vestixios da Porta dos Leóns se terraplenaba o terreo para construír as piscinas municipais. Nin sequera a avenida de álamos que malvivían entre polideportivo e piscina, camiño da Fonte das Catro Estacións, se salvou.

De sumarlle os derrubamentos dos últimos anos, a consecuencia da falta de mantemento do recinto, parece lonxe da realidade ese anuncio de “conservar todo o conservable”. Só as intervencións de limpeza da estatua da Caridade e a Fonte das Catro Estacións se apartan desta liña.

Mentira 2: Os derrubamentos “puntuais”

O muro caído no estanque da gruta do Pasatempo. Foto do blog “Parque del Pasatiempo”

En febreiro de 2017 a Asociación de Amigos do Pasatempo daba a alerta sobre o desprendemento do mural dun dos animais que enchen as paredes do Estanque da Gruta, xusto debaixo da escaleira construída no mandato do PP para unir a vella entrada do parque coa controvertida pasarela que carga o peso sobre este muro e mais a viseira da Gruta da Recoleta.

Para o goberno local, por boca do edil de Urbanismo e Obras, Antonio Vázquez Lorenzo, o suceso non era “nada que non se poda recuperar” e cinguía o suceso a “un feito puntual”. Algo puntual que, a pesar de lle sacar ferro o PSOE, seguiu producíndose desde entón. A última vez, hai uns meses coa illa do Estanque do Retiro, malia as reiteradas advertencias desta entidade.

No medio xa foran cornixas, elementos de escaleiras e outras partes menores do parque, e sempre a estratexia do goberno local foi a mesma: minimizar o significado dos danos, evadir a súa responsabilidade e atribuílos a outras causas distintas ao estado decadente do parque.

Mentira 3: Un proxecto de rehabilitación en 2016

Corría setembro de 2016 e o goberno local presentaba un “proxecto” para rehabilitar o Pasatempo, cuantificado en 1,3 millóns de euros naquela altura e coa firma de varios expertos, Xan Casabella, Xosé Díaz Vieites, Mari Carmen Pérez, Marcelo Aguirre e José Crespí, responsable da reconstrucción do parque nos 90. Durante ano e medio o goberno local defendeu o “proxecto” que tiña para intervir no parque, demandando fondos a Xunta e Deputación, 750 000 euros a cada parte. O consistorio reservaba, nas contas de 2018, 150 000 euros para redactar o proxecto.

No camiño o documento mudara de proxecto a “anteproxecto” ou “memoria valorada” segundo foi rectificando sobre a marcha o vocabulario o gabinete de prensa do goberno local. En marzo de 2018 a Deputación aprobaba en pleno a súa achega, mentres que a Xunta evitaba compromisos no que se tramitaba o BIC.

O certo é que, a día de hoxe, dous anos despois, o Pasatempo segue sen proxecto de rehabilitación. Volvendo á obviedade de que é unha propiedade municipal e o Concello o seu responsable, recentemente a rexedora anunciaba que asumiría a redacción do proxecto. O normal e lóxico en todas partes.

Aínda a día de hoxe, no portal de contratos do Concello tal contratación non figura nin como adxudicada nin como en licitación.

Mentira 4:  Xunta redactará o proxecto de rehabilitación

O outro mantra reiterado ata a saciedade polo goberno local é que, a raíz da súa entrevista en maio de 2018 co conselleiro de Cultura, o goberno local asegurou que o goberno galego se comprometera a redactar o proxecto de rehabilitación. Do contido concreto da reunión entre o exalcalde e o de Lalín só poderán dar aclaracións eles, pero nas notas remitidas tanto pola Consellería como polo goberno local en ningún momento se le tal compromiso.

De feito, en todas as notas que a Consellería de Cultura ten sobre o parque no seu web a redacción é similar: apoio técnico na redacción do proxecto, pero non que se asuma algo que debe facer o Concello. Xunto a el, unha futurible aportación de fondos sen concretar que ten provocado emendas ás contas da Xunta varios anos.

A Xunta, porén, evade tamén a súa responsabilidade na recuperación do parque, limitandose a ese compromiso. Tras pactar unha resolución no Parlamento para financiar e protexer o recinto, Feijóo descolgouse derivando ao goberno español a responsabilidade de aportar fondos para un patrimonio único en todo o país.

Mentira 5: non se pode actuar no parque ata ter o BIC

O frontal da gruta da Recoleta sen broza e coa controvertida pasarela en primeiro termo

É outro axioma que repite o goberno local cada vez que se demandan actuacións de mantemento no recinto conservado do centenario parque. Sexa limpeza, aseguramento de elementos ou tarefas de mantemento, sempre aseguran que non se pode intervir no predio ata que haxa unha declaración coma Ben de Interese Cultural. Dá igual que a falta de intervención agrave problemas, sempre asegura o PSOE que ten que pedir permiso á Xunta para non intervir.

Porén, os seus propios feitos contradín esta versión. O baleirado dun estanque- causa última do derrubamento último- é unha intervención agresiva que se fixo sen autorización de Patrimonio porque era algo de simple mantemento. E as actuacións posteriores de reforzo, amaño e limpeza desas semanas tampouco agardaron por tal recoñecemento.

Outra proba é o controvertido proxecto para investir 280 000 euros no amaño da pasarela que une o vello e o novo Pasatempo, aprobado en pleno por PSOE, BN, BeC e PP. Amigos do Pasatempo e o BNG alegaron na declaración provisional de BIC para pedir a retirada desta estrutura, que o anteproxecto técnico de 2016 sinala como causa de fendas estruturais na Gruta da Recoleta. Sen saber se Patrimonio tolera que siga aí ou non, o goberno local iniciou en outubro a contratación das obras de amaño da pasarela. Se finalmente hai que retirala e está contratada a obra o Concello afrontará unha nova indemnización.

Mentira 6: “Todos os partidos queremos o BIC para o Pasatempo”

Vista parcial do Pasatempo

Aínda en novembro a alcaldesa pedía que se tratase xa coma BIC o Pasatempo. A catalogación do parque é outro camiño inzado de mentiras. Empezouse en 1981, coa categoría de xardín histórico, promovido polo Ministerio de Cultura. Aínda non tiña a Xunta a súa estrutura e o traspaso de competencias acabou co parque nun caixón.

En 2011, 2014 e 2015 o pleno volveu pedir a declaración de BIC, batendo co posicionamento do PSOE, que argumentou varias veces, por boca de Vázquez Lorenzo, edil de urbanismo, a necesidade de postergar a catalogación da Horta de Don Juan ata ter a ordenación urbanística para o Carregal.

De feito, se o goberno local remitiu finalmente a solicitude de catalogación á Xunta, que iniciou o procedemento en marzo deste ano, é en boa medida porque a Asociación de Amigos do Pasatempo presentou a súa propia solicitude de inicio. E cando en abril a Xunta abre período de alegacións ao proceso, o goberno local de maneira unilateral recorre pedindo reducir o ámbito de protección do parque, mentres que a asociación e o BNG piden retirar elementos agresivos ou incluír no BIC os elementos orixinais que perviven fóra da finca e as dúas estatuas incluídas, como os relevos do exterior do muro fronte á escola infantil Galiña Azul ou o muro entre piscina e polideportivo.

O BNG mesmo acusou nesa altura do PSOE de antepoñer intereses urbanísticos ao patrimonio con esas alegacións presentadas en nome do Concello. O PSOE, porén, defendeu esta actuación asegurando que tiña o aval dos técnicos municipais e, finalmente, premiou ao edil de Urbanismo coa cabeza de lista ao Senado nas vindeiras xerais.