Un xardín inspirado no Pasatempo, prata no prestixioso Hampton Court londinense

Vista panorámica do xardín indiano premiado: palmeiras canarias, hortensias, canas e buxo compoñen o corpo central

A Hampton Court Palace Flower Show é unha das feiras anuais de xardíns e exposición de flores máis grandes do mundo, que ocupa un espazo de 33 hectáreas nas inmediacións deste palacio londinense. Na súa última edición foi visitada por máis de medio millón de persoas interesadas nos xardíns e en viaxar buscando “recursos naturais e botánicos” do destino.

Ao certame preséntanse propostas de deseño de xardíns desde os catro puntos cardinais do globo, sendo un dos máis prestixiosos concursos de deseños de xardíns do mundo. O noso país, que ten un concurso de deseño de xardíns na vila ourensá de Allariz, presentou un deseño que mereceu a Medalla de Prata do Hampton Court.

A proposta que a Xunta levou ata o Reino Unido titulábase “O sono dos indianos” e tiña por fontes de inspiración a festa de recreación histórica Ribadeo Indiano e as construccións indianas desa vila lucense, de Cee e de Betanzos, co Pasatempo á cabeza da arquitectura indiana como referente dos xardíns indianos a pesar do seu estado de decrepitude actual.

A composición presentada pola Consellería de Cultura articulábase nun espazo de 130 metros cadrados cun “gusto estético de inspiración colonial” e tamén polo seu compromiso con “a súa terra de orixe e xenerosidade filantrópica” dos indianos, segundo explica o goberno galego.

O xardín está composto por diferentes especies florais tales como a camelia japónica, magnolias, diferentes variedades de tuia, hortensias ou palmeiras, entre outras. Prantas todas que levan séculos nos xardíns pacegos galegos e que cobraron especial relevancia, a través do seu protagonismo e de novas especies americanas, nas casonas dos indianos.

Cuarta participación de Galicia no evento

Esta é a cuarta vez que unha proposta presentada pola Consellería de Cultura e Turismo obtén recoñecemento, despois de que o ano pasado participase con ‘Rías de Galicia’, un xardín de inspiración mariñeira, o ano anterior con ‘O xardín segredo do Pazo’, evocando os xardíns dos grandes pazos galegos como Oca ou Mariñán, e ‘O Roteiro da Camelia’ en 2016, que recibiu un premio na máxima categoría.

A Xunta participa este ano nesta feira cun espazo compartido con Turespaña no que, ademais de mostrar o xardín galego, dispón dunha zona de información turística e de atención ao visitantes.