Un pleno extraordinario aprobará esta tarde a construción dunha depuradora no polígono

O polígono industrial de Piadela, rodeado pola autovía. Google Maps.

O Pleno da Corporación aprobará hoxe previsiblemente, grazas aos dez votos do PSOE, un cambio no planeamento do polígono de Piadela.

A modificación puntual do plan parcial do polígono, que xa pasou o trámite ambiental, pretende construír unha depuradora (EDAR) onde o documento orixinal prevía unha estación de bombeo para derivar as augas residuais do parque empresarial cara a depuradora municipal.

O documento exposto pola Consellería de Medio Ambiente e Territorio contempla a construción desta EDAR nas inmediacións da N-VI e a derivación das augas procedentes de depuración polo regato que vai desembocar ao río de Miodelo. O proxecto de modificación, promovido por GADISA e Transportes Tojeiro, advirte da situación case “ao límite” da depuradora municipal de augas residuais da Cangrexeira.

A alcaldesa optou por convocar un pleno extraordinario para este serán en lugar de agardar a incluír o asunto no pleno ordinario que previsiblemente debería celebrarse o último martes deste mes.