Un novo desprendemento no Pasatempo deixa sen cara á Primavera das Catro Estacións

A fonte sen a cara. Imaxe de Amigos do Pasatempo

A pesar dos anuncios do goberno local que seguen sen traducirse en feitos, o tempo corre en contra do Pasatempo. A falta de mantemento dos elementos do singular recinto acaban de traducirse nun novo desprendemento, neste caso da cara da alegoría da Primavera na Fonte das Catro Estacións.

Foi a asociación de Amigos do Pasatempo quen deu a alerta e quen tivo que advertir ao goberno Barral do enésimo dano no Pasatempo. Que se coñeza, pois o peche do recinto das grutas desde o pasado ano 2018 e o elevado tamaño acadado polas sebes e parras que pechan o recinto á estrada da circunvalación impiden saber se, dentro do parque, houbo máis danos. “Onte decatámonos de que a primavera da Fonte das Catro Estacións perdera a cabeza. Ou partíronlle a cara. A saber” explica a entidade, que advirte que sobre o tema “pasa o tempo”.

Segundo a asociación,”avisamos ao Concello de Betanzos e achegáronse a recoller os cachiños”. O destino podería ser o mesmo que correu o animal desprendido hai anos do estanque da gruta, que segue amoreado en pedazos sen as máis mínimas atencións relativas ao coidado de restos e vestixios indicados polos especialistas, amoreado a carón do auditorio da parte nova do parque, exposto á intemperie ou ao roubo de pezas como recordo.

Sen prazos para a recuperación do Pasatempo

O muro do peche orixinal do Pasatempo en decembro de 2019.

O executivo local adiou calquera intervención no parque á declaración como Ben de Interese Cultural. Agora que isto é realidade, logo de anos de pugna, tampouco semella capaz de preservar os elementos do parque, nin sequera no caso da fonte das catro estacións, reparada hai apenas uns anos. Non en van, o propio goberno socialista recorreu á declaración provisional do Pasatempo como BIC para eliminar parte da zona de protección do mesmo, no entorno da fonte das catro estacións e o vello muro de peche entre piscina e polideportivo.

O mesmo muro en febreiro de 2020

Sobre este último actuou hai uns meses, xusto antes do confinamento. Do abandono total do muro pasou a, cando xa era ben de interese cultural, un cuestionable pasteado de cemento sen ningún tipo de criterio nin respecto aos vestixios sobre os que actuaba.

O tempo, e a desidia do equipo de goberno, seguen correndo en contra do parque enciclopédico que extasiara a Seoane.