Un novo censo alerta da necesidade de tomar medidas para conservar a escribenta

Escribenta das canaveiras. Seo Birdlife

O último censo publicado sobre as poboacións da escribenta das canaveiras iberoccidental pon en evidencia a necesidade de adoptar medidas efectivas para conservar este endemismo de Galicia e o norte de Portugal.

A revista Braña, editada pola Sociedade Galega de Historia Natural,, alerta de que tan só quedan unhas 20 parellas de escribenta das canaveiras no noso país. “Segundo os datos dispoñibles, quedarían unhas 20 parellas reprodutoras en Galicia fronte ás case 70 censadas en 2005, o que supón unha redución de arredor do 70% en tan só 13 anos“, advirte o traballo, realizado por Emilio Martínez Sabarís, Xabier Prieto Espiñeira, José Ramón Castro Gómez, José Luis Rabuñal Patiño, Cosme Damián Romay Cousido, Álvaro Rodríguez Pomares e Francisco Rosende Maneiro.

O traballo advirte, igualmente, de que “a falta de recursos materiais e humanos” fixo que a metodoloxía de recollida de datos para elaborar este último censo “fose algo máis sinxela” que a dos anteriores, realizados en 2005 e 2015. “Censáronse as zonas húmidas con presenza antiga de E. schoeniclus lusitanica empregando para varias das zonas húmidas censadas reproducións de cantos de individuos deste taxón”, explican os autores.

O traballo relata como para estudar a presenza da ave, foron realizadas visitas a enclaves coma a lagoa de Traba ou o canaval do Anllóns, dous dos lugares onde se mantén a poboación da especie. Neste segundo enclave “efectuáronse anelamentos unha vez á semana ao longo da tempada de cría” e “realizáronse transectos con paradas de escoita e observación para detectar individuos da subespecie nas diferentes zonas húmidas”.

O plan de recuperación non abonda para frear o devalo

Os resultados obtidos amosan que se contabilizaron “entre 17 e 20 parellas da especie en Galicia, todas elas nas provincias da Coruña e Pontevedra”. Con estas cifras na man, os autores conclúen que “a pesares de contar cun plan de recuperación dende maio de 2013, a tendencia da escribenta das canaveiras segue a ser negativa en Galicia”.

Aseguran, ademais, que “aínda que os resultados de 2018 para Galicia son mellores que os de 2015, non se poden interpretar como un aumento dos efectivos reprodutores da especie pois, ao contrario que en 2015, o censo de 2018 foi exhaustivo e realizado polos mellores coñecedores da especie e das súas localidades galegas de cría”.

“Cómpre salientar a recuperación da lagoa de Doniños (Ferrol) coma localidade de cría confirmada, logo de vinte anos sen detectarse”, expón o texto. Porén, neste último censo, a ave “non foi observada noutras zonas húmidas de reprodución histórica polo extremo norte coruñés e lucense, coma San Xurxo, Pantín, Ortigueira ou Ribadeo”.

Un dato que “cobra maior relevancia se o sumamos á súa extinción na totalidade da cornixa cantábrica, que deixa o límite norte da distribución de E. schoeniclus lusitanica na localidade da Frouxeira (Valdoviño).

Demandan a restauración dos hábitats

Para frear o devalo antes de que sexa definitivo, os autores do censo recomendan “a dotación dos recursos humanos e materiais precisos para unha implementación completa e eficaz do plan de recuperación da especie aprobado en Galicia, a restauración do hábitat das súas localidades de cría coñecidas a unha situación o máis parecida posible á existente na segunda metade do século XX, e ter en conta a experiencia de aneladores, ornitólogos e naturalistas coñecedores do taxón dentro do plan de recuperación”.

Presenza en San Xiao e impacto do paseo do Mandeo

A escribenta das canaveiras está documentada como residente habitual no Carrizal de San Xiao, se ben aínda non se rexistrou a súa presenza como nidificante. O hábitat, con xuncais e terras de labranza e a proximidade do río, esta contemplado no plan de conservación da especie.

Por este motivo, entre outros, entidades ecoloxistas e o BNG prenderon as alarmas diante do proxecto do goberno local do PSOE de trazar un paseo desde o convento das Agostiñas Recoletas ata o Campo dos Caneiros atravesando toda esta zona de presenza estable do paxaro. Os recheos, terraplenados, paseos pilotados e demais elementos poderían alterar a tranquilidade que esta especie ameazada precisa para manterse a menos dun quilómetro do centro de Betanzos.

O alto comisionado das Cortes Xerais, o Defensor del Pueblo, tamén reparou nas indicacións do plan de recuperación da especie e de como o proxecto que pretendía executar o goberno socialista colisionaba co interese xeral de protexer a poboación betanceira da especie.