Un kamasutra medieval nas igrexas de Betanzos

Cabeceira da igrexa de San Francisco

Quen visita un templo normalmente faino, se non é por devoción, chamado pola súa arquitectura, polas súas tallas ou polos vitrais e retábulos que condensan séculos de Historia da Arte. Menos son quen rastrexan entre capiteis, relevos e túmulos sinais de desaparecidas familias ou confrarías gremiais, ou os que buscan elementos esotéricos entre tallas e enlousados. Poucos buscarían escenas de sexo explícito, pornográficas, nas igrexas.

E porén, aí están, desde que no século XI as igrexas románicas galegas comezaran a encherse de escenas de sexo explícito. As grandes descoñecidas de todas as tallas medievais destes templos. Aleccionador como pecado, reproducción simple da realidade da época ou chamado á natalidade nunha época, a Idade Media, cunha elevadísima taxa de mortalidade infantil, os expertos barallan diversas teorías ao respecto. Mais o certo é que polos templos sucédense órganos sexuais, escenas pornográficas, músicos, contorsionistas e personaxes comendo ou bebendo exageradamente e en posturas eróticas. Algúns con castigo, outras nun xesto eterno de placer.

A esta corrente que atravesou o Reino galego non escapou Betanzos. Non hai igrexa medieval na cidade que non teña algún destes elementos. Desde os tempos do arcebispo Xelmírez, ata a conclusión das tres grandes fábricas góticas do actual Casco Histórico. E as que desaparecerían coa destrucción da capela románica de San Paio ou a de San Xiao das Viñas. Mais o que se conserva, ofrece todo un kamasutra medieval, sen saír do municipio.

Xelmírez consagrou o templo de San Martiño de Tiobre, que á vista de todos exhibe no exterior, sen recato, os órganos sexuais masculinos e femininos. Parella no tempo e no patrono titular, a de San Martiño de Bravío amosa unha muller copulando. Tamén no exterior, sen disimulo, nun canzorro.

O arquiveiro-bibliotecario e director do Museo das Mariñas, Alfredo Eiras, estudou no Anuario Brigantino os canzorros das igrexas de Betanzos. Asegura que non se pode interpretar estas escenas sexuais desde a nosa actual visión. “Moitos investigadores dan por feito que o sexo é pecaminoso por definición. E, como case todo, no mundo simbólico da arte medieval, o sexo tamén podería ter dúas caras: pode ser bo ou malo, lear á vida (ó Ceo) ou á norte (ó Inferno)” explica no seu traballo.

Santiago de Betanzos amosa un home e unha muller amosando os seus sexos. Erias supón, pola súa factura románica, que son elementos reaproveitados da anterior igrexa románica que había no lugar antes do actual templo levantado por Fernán Pérez de Andrade.

San Francisco recupera para o gótico o pene e testículos que aparecían en San Martiño. E incorpora á colección de poses eróticas unha muller acróbata que tamén amosa o seu sexo, motivo que se repite na igrexa do Azougue. A luxuria represéntase na ábsida de San Francisco como un can lambendo un falo descomunal, e canda aquel outro carallo solto, di Erias, traen ecos do culto grecolatino a Príapo- non nos estrane, Santa María garda nunha das súas portadas a escena exipcia do peso das ánimas.

Esa mesma igrexa do Azougue amósanos unha serea, metade muller, metade peixe, nunha imaxe clásica do engano e a tentación, que a Igrexa utiliza tamén como símbolo da luxuria. Pecado capital este que leva á muller adúltera pisoteada pola Anunciación da porta sur de San Francisco, a virxe sobre a pecadora.

“O que se ensina é o temor, a facilidade con que pode caerse nas garras do demo, na tentación, no pecado e, polo tanto, no Inferno. Trátase da pedagoxía do terror, fonte dun enorme poder. Pero contra iso estaba a cultura ancestral da xente, que puido dar lecturas heterodoxas a calquera dos temas propostos pola Igrexa” destaca Erias no seu traballo sobre os canzorros no Anuario Brigantino.

Todo un kamasutra de case mil anos, á vista de todos durante centurias. Erotismo e pornografía centenaria, sen recato. Unha insospeitada cara máis do rico patrimonio galego, cun amplo catálogo sen saír de Betanzos.