Un incendio provoca danos materiais no forno da rúa da Torre

Un instante das tarefas de sofocado do incendio no forno Moar. Imaxe de Protección Civil

Sobre as oito do serán do pasado luns o forno da Panadería Moar, na rúa da Torre, rexistrou un incendio. Tras chamar aos servizos de emerxencias desprazáronse ao lugar efectivos da Policía Local, Protección Civil e unha dotación dos bombeiros do parque comarcal. O lume afectou a unha parte das instalacións do local, ocasionando tan só danos materiais. Os responsables do forno contaban con recuperar a normalidade no obradoiro ao longo do día de hoxe.

O forno de Moar, chamado tamén “do Joseíño”, por un antigo titular, e anteriormente forno de Lanzós polo seu emprazamento e antiga pertenza ao pazo do mesmo nome, pasa por ser o máis antigo do estado español en funcionamento dos do seu estilo.