Un estudo revela a fonda desigualdade na administración local de Betanzos

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

En vésperas do 8 de marzo a Confederación Intersindical Galega ven de publicar un estudo sobre a desigualdade no cadro de persoal do Concello de Betanzos. O traballo analiza dúas variables: os postos de responsabilidade do organigrama municipal desempeñados para cada xénero e mais os emolumentos asignados a cada posto de traballo do cadro de persoal municipal.

O documento sobre o que se realiza o traballo é o anexo de Persoal dos orzamentos do ano 2017, “únicos aprobados nos últimos anos polo pleno e que ata hai pouco mesmo se podían consultar no portal da transparencia, non así agora” explican. Así que, quen queira contrastar os datos ofrecidos polo estudo terá que solicitar á alcaldía unha copia de dito documento porque actualmente non figura no portal de transparencia do Concello.

De entrada, e antes de abordar os datos, o estudo da sección sindical da CIG no Concello xa explica un concepto básico que dá razón dos motivos polos que a Administración Local betanceira discrimina ás mulleres. “O teito de vidro é a limitación do ascenso laboral das mulleres no interior das organizacións, limitando as súas carreiras profesionais e resulta invisible porque non existen leis ou dispositivos sociais establecidos e oficiais que impoñan unha limitación explícita na carreira laboral ás mulleres”.

Así, co anexo de persoal dos orzamentos de 2017 na man, atópanse nove postos de responsabilidade desempeñados por homes:

  • Director Biblioteca
  • Director Conservatorio
  • Director Centro de Formación Ocupacional
  • Encargado limpeza
  • Encargado servizo eléctrico
  • Xefe grupo Grumir
  • Xefe grupo Grumir
  • Inspector Policía Local
  • Inspector Policía Local

Por tres desempeñados por mulleres, en postos ademais en responsabilidades feminizadas:

  • Coordinadora Servizos Sociais
  • Directora Escola Infantil
  • Directora Escola Municipal de Folclore

“Nesta análise non se incluíron os postos que teñen algún outro de responsabilidade por riba como os oficiais de Policía (todos ocupados por homes tamén), ou o resto de postos con responsabilidade do Conservatorio municipal (todos ocupados por homes igualmente)” explican, dando conta da metodoloxía empregada.

“Como se pode ver, só 3 postos con responsabilidade son ocupados por mulleres, fronte aos 9 ocupados por homes, por tanto só o 25% dos postos con responsabilidade e traballadores/as ao seu cargo do Concello de Betanzos están ocupados por mulleres, cando o 75% restante están ocupados por homes” destacan. “É curioso, ademais, como xusto nos postos ocupados por homes, hai duplicidades de mando como no caso dos xefes de grupo e dos inspectores da Policía Local mais nunca así nos postos que ocupan mulleres” prosegue o estudo.

As mulleres non teñen remuneración adicional por esta responsabilidade

“A situación aínda se agrava de termos en conta que dous dos postos de responsabilidade desempeñados por mulleres non teñen ningunha remuneración por esta responsabilidade a maiores, e só no caso da coordinadora, un posto de funcionaria, si que é así” explica o informe publicado no web do sindicato nacionalista.

“Aínda por riba, o goberno municipal teima en non recoller estes postos na nova Relación de Postos de Traballo o que dificulta que esta discriminación se solucione, e agrava a discriminación ao nin sequera lle recoñecer a responsabilidade de dirección a unha traballadora que leva décadas execérdoa” engaden.

“Para os homes parece máis doado, posto que aínda que na actualidade, no caso dos postos ocupados por laborais efectivamente non hai unha valoración específica dos postos con responsabilidade, nunha grande parte dos casos os traballadores con responsabilidades teñen salarios por riba do Convenio colectivo e un complemento persoal transitorio que lles supón cobrar máis que o resto do persoal do seu mesmo grupo e nivel” abundan exemplificando as desigualdades que o executivo socialista mantén.

“Por tanto, e téndomos en conta este dato, pódese concluír que o 66% dos postos con responsabilidade ocupados por homes si que cobran por esta, cando no caso das mulleres esta porcentaxe baixa ao 33%, é dicir, á metade” conclúen.

O convenio corrixiría certa desigualdade salarial, se o goberno o aplicase

“Se ben o convenio colectivo do persoal laboral do ano 2017 solucionou unha discriminación histórica entre as traballadoras de limpeza e axuda no fogar do grupo V, que antes cobraban menos que os traballadores de limpeza do mesmo grupo (mentres o propio concelleiro de Persoal o xustificaba), non foi quen de amañar outras moitas das existentes noutros grupos, xa que na actualidade e no caso do persoal laboral nos grupos I, II, III e IV os traballadores que máis cobran de cada un dos grupos son todos homes, que teñen salarios por riba do Convenio colectivo e contan con Complementos Persoais Transitorios que demostran que o convenio non acadou a xustiza retributiva de homes e mulleres nin de todos os traballadores e traballadoras e que é máis necesario ca nunca continuar coa renegociación de salarios do persoal laboral, porque mentres haxa diferenzas salariais haberá discriminacións salariais” abunda o estudo.

“No caso do funcionariado, se ben os salarios son moito máis altos que os do persoal laboral, tendo en conta a asignación dos niveis máis altos posibles e unhas valoracións de complementos específicos sen criterios obxectivos, a situación de discriminación por xénero non é moi diferente, tendo en conta que nos grupos C1 e C2 os salarios máis altos son para postos ocupados por homes, e que casualmente no grupo C2 os postos ocupados por homes teñen un complemento específico moitísimo máis alto que os postos ocupados por mulleres, mesmo no mesmo posto de traballo2 explica.

“A discriminación tamén queda máis que patente se reparamos en que un peón de obras do grupo E cobra máis complemento específico que a coordinadora de Servizos Sociais, que desempeña o único posto de responsabilidade ocupado por unha muller funcionaria no Concello” engaden.

“Na man do goberno municipal está solucionar as discriminacións, mais ata o momento está claro que non hai unha política de igualdade interna que se estea a aplicar de xeito efectivo nin que intente paliar as discriminacións existentes e históricas” conclúen.