Un barco de refugallos chama a atención sobre o lixo que vai ao Mandeo

A embarcación de refugallos. Foto da Reserva

Unha lancha como as da romaría dos Caneiros, pero feita de refugallos recollidos de diversos cursos de auga da comarca preside estes días a betanceira praza do Concello.

Anacos de tubaxes, envases, solas de zapatos ou deportivas, restos de corda ou rede, botellas e paus de batea de mexillón dan forma a esta embarcación que pretende chamar a atención sobre os plásticos e lixo que se botan ao Mandeo.

A escultura, realizada polo colectivo artístico Retoque Retro, é unha actividade máis dentro dos actos polo VI aniversario da reserva de biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

A escultura pretende axudar a sensibilizar sobre a necesidade de reducir os residuos que chegan aos mares e océanos. Retoque Retro realizou un seguimento un ano e comprobou que os contaminantes plásticos que máis abundan son cabichas, bastoncitos, anacos de corda, tapóns e paus de batea.

Proposta para levar estes refugallos á decoración festiva

En varias ocasións nos últimos anos, tamén o BNG local chamou a atención sobre a cantidade de plástico que xenera a cidade. A proposta dos nacionalistas foi reciclalo para crear unha decoración festiva orixinal e máis sostible. Polo de agora, o executivo local desbotouna.