Un bando recorda a obriga de limpar as fincas antes do 16 de xullo para previr os lumes

Broza e restos acumulados na zona portuaria. Imaxe do BNG

A alcaldesa, María Barral, acaba de publicar un Bando para lembrar aos propietarios de terreos a obrigación de xestionar a biomasa das parcelas afectadas polas redes secundarias antes do 16 de xullo como obriga a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

En base a esta Lei, o Concello lembra que os propietarios de parcelas situadas a obrigación de limpalas nunha franxa de 50 metros próximos as vivendas, e que á súa vez manteñan as parcelas libres de maleza, piñeiros, eucaliptos e acacias.

O Bando fai fincapé en que os incendios forestais son un problema que “debemos afrontar entre todos e todas, xa que o lume non só produce danos no medio ambiente, na flora, na fauna e na atmosfera, senón tamén pon en risco a seguridade das persoas”.

O cambio climático ao elevar as temperaturas e alongar os períodos sen choiva fai que os incendios sexan cada vez máis perigoso e difíciles de controlar. Por iso é necesario actuar “na prevención, por exemplo, retirando o material combustible que se acumula ao redor das vivendas antes da época de maior risco de incendios. E ese material é a biomasa”.

Ante esta situación de emerxencia, a Xunta acaba de reactivar a obrigación de xestionar este material nas franxas secundarias, prolongando o prazo para efectuar limpezas do 31 de maio ao próximo 16 de xullo, incluído. Será a partir dese momento canto as persoas que non cumpran a normativa de maneira voluntaria, procederase á súa execución subsidiaria por parte das administracións con repercusión de custos dos traballos, sen prexuízo, ademais, de instrución dun procedemento sancionador.