Un ano máis, o goberno local pláxiase a si mesmo nunha programación de Entroido sen ideas nin ganas

Verbena de Entroido no Campo o pasado ano

Como xa acontecera o pasado ano e ven sendo unha triste tradición, a programación deseñada polo goberno local para o Entroido que se aproxima cae na repetición e na falta de imaxinación. Festas infantís nos locais sociais de barrios e parroquias, baile da terceira idade, verbena popular no Campo e mais Enterro da Sardiña son os actos previstos e incluídos na axenda cultural municipal para o marzo que xa asoma no almanaque.

Tras incluír na nova web municipal unha restra de exaxeracións sobre o carácter dos festexos de Entroido en Betanzos, o pasado ano o goberno Barral optou por eliminar calquera referencia aos mesmos no apartado de turismo do web, pois as semanas do pincho e a tortilla ocuparon calquera oco reservado a esta festa milenaria.

O programa de actos é un calco do dos últimos anos, ao punto de poder mudar nada máis que os días de celebración e aproveitar o cartaz dun ano para outro. As festas infantís nos locais sociais darán paso ao baile da terceira idade na Aula de Cultura o Luns de Entroido e á festa infantil no Edificio Arquivo o Domingo, á que seguirá a verbena no Campo, deserta os últimos anos. Rematará o mércores de cinza co Enterro da Sardiña, que arrincará ás 20:00 h coa saída do edificio Liceo da Comitiva Fúnebre, como sempre desde o Edificio Arquivo para a súa queima no Malecón e volta ao Campo para queimar o Momo.

Os locais hostaleiros organizan o Entroido pola súa conta

Varias citas organizan os locais de hostalaría de distintos puntos da cidade para atraer clientela. O sábado serán os do Casco Histórico, pero tamén unha parte da Cañota, con senllas festas e mesmo premios aos mellores disfraces. O Luns de Entroido será o turno dos concursos da Cañota e do Rollo.