Tras as sete novas condeas, a CIG exixe a Barral a Mesa de Negociación para reconducir a política de persoal

Diego Fernández, concelleiro de Persoal, e María Barral, alcaldesa

A CIG exixiu por escrito ao goberno de María Barral a convocatoria urxente da mesa de negociación “logo de demasiados meses de parálise” para reconducir a política laboral da socialista. O sindicato entende que “a escusa da situación de pandemia actual non debe ser un motivo máis para non avanzar nas negociacións pendentes e que é hora de que o goberno do PSOE dea un paso adiante para negociar moitos dos temas que están pendentes”.

Entre eles, sinalan “a implantación do teletraballo, a negociación dos criterios de reparto da produtividade, as bases xerais dos procesos selectivos, a aplicación do incremento salarial dos orzamentos ou a regulamentación do sistema de control de presenza no traballo”. “Resulta moi importante actualizar o protocolo de reincorporación aos postos de traballo, que na actualidade está moi desfasado, así como regular determinadas casuísticas que se dan na actualidade debido á situación de pandemia” advirten.

Do mesmo xeito, exhortan ao executivo do PSOE a convocar a mesa para a modificación da proposta de RPT aprobada inicialmente e “a inclusión, como mínimo, das prazas nas que se declarou a indefinición, así como a negociación das condicións de inclusión e valoración deses postos xa existentes e non incluídos”.

“O feito de que o Concello de Betanzos demorara durante anos a aprobación desta RPT supuxo que moitos traballadores e traballadoras que denunciaran a fraudulencia no momento inicial da negociación desta ao ser coñecedores de que o goberno de María Barral quería excluír os seus postos e propicio que hoxe, varios anos despois haxa moitos postos que non aparecen nese documento aprobada inicialmente mais si que contan con sentenza de indefinición” advirten.

“Desde a CIG sempre defendemos que a eliminación dos postos da RPT independentemente da existencia de sentenzas ou non, é un castigo do goberno municipal que paga co persoal máis vulnerable, o persoal laboral temporal, o que ten as peores condicións laborais e salariais coa única finalidade de beneficiar a unha parte pequena do funcionariado, que xa tradicionalmente tivo unhas condicións laborarais mellores que as dos traballadores e traballadoras laborais neste Concello” lembran.