Tra-tra e Parrillada Carlos vencen no San Roque de futsal

Un momento do torneo

A 35ª edición do Trofeo SanRoque Fútbol Sala rematou coas dúas finais a pasada fin de semana. Na categoría feminina, o Tra-tra empatou a 3 goles co Nottingham Prisas, decantándose a competición cara o primeiro conxunto na tanda de penaltis.

Os mozos de Parrillada Carlos venceron por 2 a 3 ao Darin Team. Os premios entregounos a alcaldesa e o seu edil de deportes ao remate das finais. O goberno local agradeceu “a participación” dos “clubes” participantes e ao “Troula FS Betanzos na coorganización desta cita deportiva”.

Unha edición polémica marcada polo veto ás equipacións mixtas

A montaxe coa denuncia da exclusión do equipo mixto. ANPA O Carregal

A edición 35 do torneo San Roque comezou coa polémica desatada pola organización do evento- a medias entre o Concello e o Troula F.S.- a conta do veto á participación dun equipo mixto.

Un grupo de estudantes do IES Francisco Aguiar promovera un equipo conformado por rapazas e rapaces e a organización do torneo impediu que participase, eliminando da relación de participantes inscritos ás rapazas.

O feito, aínda sen explicación por parte do goberno de María Barral, motivou as queixas da ANPA O Carregal e o Colectivo Feminista e levou ao BNG a pedir no pleno que rectificasen as bases para non impedir unha iniciativa que, para máis escarnio, aparece como unha das medidas estrela do Plan de Igualdade promovido pola propia Barral.