Tampouco a festa da tortilla crea riqueza: outubro despediuse con 16 novos desempregados

Locais hostaleiros na praza do Campo

Outubro segue a tónica dos últimos meses e as cifras de paro rexistrado amosan como o sector servizos- que engloba a hostalaría, entre outros subsectores- é o que máis emprego destrúe en Betanzos. Un total de 763 persoas estaban rexistradas como demandantes de emprego en Betanzos ao rematar o mes de outono. Dezaseis máis que en setembro.

Por sectores, dentro da clasificación que realiza a Xunta, é servizos, con 555, o que máis parados rexistra e sube cinco máis con respecto ao pasado mes. O sector acumula máis dun trimestre destruíndo emprego. No sector servizos englóbanse subsectores como comercio, comunicacións, centro de chamadas, finanzas, turismo, hostalería, lecer, cultura, espectáculos, a administración pública e os denominados servizos públicos, sexan prestados polo sector público ou pola iniciativa privada (sanidade, educación, atención á dependencia), entre outros.

O pasado mes de agosto o goberno local aseguraba que viña de pechar “unhas festas que tiveron tamén unha importante repercusión na economía a nivel local”. A afirmación do goberno Barral queda en evidencia ao comprobar como é precisamente o sector da hostalaría, a pesar do gasto de varios centos de milleiros de euros en programación que supostamente a beneficia, un dos que destruiu emprego no mes das festas e no inmediatamente posterior. En outubro, outro evento organizado polo executivo Barral, a semana da tortilla, era, segundo a propaganda do goberno socialista, un importante estímulo para a economía local. Cos datos de paro rexistrado, quedou nun eslogan a afirmación.

Que o gasto en festas e os locais hostaleiros do Campo eran o motor da economía local foi unha aseveración da alcaldesa María Faraldo que, tras criticar, o PSOE asumiu como propia e ven repetindo nas valoracións que fai de cada evento festivo que organiza. E que mes tras mes, os datos de paro rexistrados se encargan de colocar no seu sitio.

O 5,90% do censo de Betanzos está no paro

En 2017, segundo datos do Servizo Público de Emprego Estatal, Betanzos rexistraba 7050 afiliados á Seguridade Social, de 12 941 habitantes que tiña na altura a cidade. O padrón baixou ao ano seguinte aos 12 916, e as afiliacións, segundo dato da Seguridade Social, estaban en 7218 ao acabar o ano. Eran 7336 ao pechar setembro deste ano. O dato non garda unha relación directa coa poboación ocupada, mais dá a cifra de cotizantes e perceptores de prestacións.

Cun censo de 12 916 persoas, e con tendencia á baixa desde hai anos, as 763 persoas demandantes de emprego supoñen o 5.90% do censo de Betanzos. E son só os demandantes de emprego rexistrados, aos que hai que sumar outra porcentaxe de persoas que por diversos motivos- falta de crédito no sistema, non gozar de dereito a prestacións, non terse incorporado ao mercado laboral, etc- non figuran nesta estatística oficial. De ter presente que 3109 persoas que figuran no censo son maiores de 64 anos- e pontenciais xubiladas- e 1690 son menores de 16 anos e, polo tanto, presuntamente estudantes e menores non independizados, a cifra aínda sería moito maior.

Collendo este último dato do IGE, e cinguindo ao censo de entre 16 e 64 anos, potencialmente as persoas en idade de traballar, dános que as 763 persoas inscritas como demandantes de emprego supoñen o 9.40% dos betanceiros e betanceiras.