O Supremo desautoriza a De Lara na “Pokemon” ao devolverlle a peza de Aquagest, que involucraba a Betanzos

Auga

De Lara non poderá desfacerse da peza de Aquagest como pretendía a favor da Audiencia Nacional e será o seu xulgado de Instrución número 1 de Lugo o que teña que asumir a causa. Nun auto ditado o pasado 19 de setembro, o Tribunal Supremo desautoriza a Pilar de Lara ao devolverlle a causa tras desmontar a cuestión de competencia exposta pola maxistrada e apoia o criterio da Audiencia Nacional e da Fiscalía de que continuase a súa instrución en Lugo.

Son dous os motivos que expón o Supremo para deixar en mans de De Lara a peza de Aquagest, unha empresa que segundo a investigación beneficiouse na concesión do servizo de xestión da auga, así como na renovación e o mantemento de depuradoras a cambio de agasallos ou a contratación de persoal recomendado por cargos públicos ou funcionarios. recoñécese que a investigación desa parte da Pokemon afecta a 17 concellos galegos -A Coruña, Betanzos, Ortigueira, Ourense, Pontevedra e Santiago- e sete asturianos. Nin os feitos denunciados produciron “prexuízo patrimonial nunha xeneralidade de persoas no territorio de máis dunha Audiencia”, como argumentaba De Lara, nin tiveron “grave repercusión na seguridade do tráfico mercantil ou na economía nacional”.

O Supremo conclúe que aínda que non se conte cun informe que determine o prexuízo total, no remitido por Vixilancia Aduaneira, con data 24 de agosto de 2015, cífrase en relación ao delito de branqueo de capitais os beneficios ilícitos obtidos por Aquagest en Galicia en pouco máis de 4 millóns de euros. Para o Alto Tribunal “os feitos investigados non poden considerarse que afecten á seguridade do tráfico mercantil nin á economía nacional, nin tampouco que se produciu un prexuízo nunha xeneralidade de persoas que residan no territorio de máis dunha Audiencia”. A contía do prexuízo “supostamente causado en Galicia” -pouco máis de 4 millóns-, segundo conclúe Llarena no auto ditado o mes pasado, “está moi lonxe dos 7 millóns de euros sobre os que a nosa xurisprudencia sitúa o límite cuantitativo das defraudacións competencia da Audiencia Nacional”.

A acumulación de críticas do sector da xudicatura a De Lara polos reveses xudiciais na Pokemon e a lenta instrución das macrocausas que instrúe, unha dilación que foi cuestionada pola propia Fiscalía Superior de Galicia e o Tribunal Superior de Xustiza xa en 2015 cando a maxistrada envío en groso da Pokemon á Audiencia Nacional, mesmo levaron ao Consello Xeral do Poder Xudicial a abrir unha inspección extraordinaria ás investigacións dirixidas por De Lara.