Sete novas condenas contra o goberno Barral por “prácticas fraudulentas” na contratación de persoal

Prosegue o rosario de condenas contra o Concello de Betanzos a consecuencia da política de recursos humanos seguida polos sucesivos gobernos do PSOE nos últimos decenios. A CIG informou onte, por medio dun comunicado, que vén de gañar sete novos xuízos de indefinición contra o Concello de Betanzos, que condenan á Administración local por prácticas fraudulentas na contratación de outros tantos empregados municipais. O Xulgado do Social da Coruña estimou a totalidade das demandas presentadas, a pesar da oposición do goberno municipal ás reclamacións dalgúns traballadores vinculados á Confederación Intersindical Galega “nun claro intento de represión sindical que resultou fallido”.

María Barral e Diego Fernández, concelleiro de Persoal, nun desfile

“O goberno de María Barral incumpriu o comprometido nas mesas xerais de negociación e opúxose á reclamación de indefinición de certos traballadores, como a propia representante da Sección sindical da CIG” denuncian desde a central sindical nacionalista. “Discriminou e distingiu deliberamente entre os traballadores cunha postura contraria á reclamación da indefinición en casos similares mais con persoas diferentes e demostrou a volta ás prácticas máis antidemocráticas que marcaron os primeiros anos do percorrido da CIG neste Concello” abunda a Intersindical Galega, que identifica esta actitude do goberno Barral “nun claro intento de represión sindical que resultou fallido”..

A Sección sindical da CIG do Concello de Betanzos valora “de xeito moi positivo” estas novas sentenzas mais “segue lamentando que sexan os traballadores e traballadoras quen teña que acudir ao xulgado e pagar as consecuencias da nefasta xestión do persoal laboral deste Concello coa exclusión da nova Relación de Postos de Traballo dunha grande parte do cadro de persoal laboral”. Lamenta, así mesmo, que o Comité de Empresa non presentase alegacións á Relación de Postos de Traballo e que o presidente do Comité (CSIF) non se opoña publicamente a un documento que divide, discrimina e crea un grave conflito laboral neste Concello.

“Agora o Concello de Betanzos deberá reunir a Mesa Xeral de Negociación de novo para incluír as prazas na Relación de Postos de Traballo e modificar o documento inicialmente aprobado” advirte a CIG coas sentenzas que condenan a política laboral do goberno socialista na man. “A maiores, ten pendentes de resolver as alegacións que presentou a propia CIG e múltiples traballadores tanto laborais como funcionarios que lle desmostraron ao goberno municipal a súa oposición a un documento aprobado exclusivamente co apoio da CSIF e que afonda nas discriminacións históricas existentes nesta Administración local” recordan.

Hai un mes o goberno local foi condenado por non pagar ao persoal dos obradoiros de emprego segundo o convenio municipal

Hai apenas un mes trascendía outra sentencia que condenaba ao executivo socialista a pagar ao persoal dos obradoiros de emprego segundo o convenio municipal. O sindicato nacionalista recorda que leva anos “advertindo ao goberno do PSOE que o persoal contratado para os obradoiros debía cobrar segundo os salarios do Convenio colectivo e non moi por baixo do estipulado, tal e como teimaba en facer o goberno de María Barral en detrimento dos dereitos dos traballadores e traballadoras dos obradoiros de emprego para aforrar uns cartiños e, de paso, recortar os seus dereitos retributivos”.

Tras denunciar esta situación tanto publicamente como en xuntanzas de traballo co edil de persoal, Diego Fernández, e a propia alcaldesa, a Intersindical Galega recorreu ao xulgado. Fíxoo logo de que “en plenas eleccións sindicais do ano 2019 nas que o sindicato dos funcionarios (CSIF) e os delegados da Policía Local en concreto, teimaban en lembrarlle ao persoal do obradoiro que a postura de quen informaba no Concello era contraria a esta reclamación e que, pouco máis, non había moito que facer”.