Servizos destrue emprego por segundo mes consecutivo demostrando que o gasto en festas non crea emprego

Unha orquestra no Campo

O mes de setembro volveu ser un mes de destrucción de emprego en Betanzos en termos netos. Un total de 23 persoas pasaron a engrosar a cifra oficial de demandantes de emprego, que para setembro situouse nas 747 persoas. Practicamente dous terzos do total, 453, son mulleres.

Segundo os datos oficiais publicados pola Xunta, o sector servizos volveu destruír emprego en setembro en Betanzos. No sector servizos englóbanse subsectores como comercio, comunicacións, centro de chamadas, finanzas, turismo, hostalería, lecer, cultura, espectáculos, a administración pública e os denominados servizos públicos, sexan prestados polo sector público ou pola iniciativa privada (sanidade, educación, atención á dependencia), entre outros.

O pasado mes de agosto o goberno local aseguraba que viña de pechar “unhas festas que tiveron tamén unha importante repercusión na economía a nivel local”. A afirmación do goberno Barral queda en evidencia ao comprobar como é precisamente o sector da hostalaría, a pesar do gasto de varios centos de milleiros de euros en programación que supostamente a beneficia, un dos que destruiu emprego no mes das festas e no inmediatamente posterior.

Nos sectores nos que a actividade directa do Concello non ten un impacto directo, 8 persoas pasaron de non ter emprego anterior a ser demandantes de emprego, dúas persoas chegaron ao paro desde o sector da agricultura e pesca e outras oito desde o sector industrial, segundo as cifras do Instituto Galego de Estatística (IGE).