A Semana Santa arrincará co III Ciclo de Música Sacra

A talla gótica do Cristo dos Mareantes nun desfile da Semana Santa

O deste ano será o III Ciclo de Música Sacra, que repartirá as súas notas entre as igrexas de Santiago e San Francisco para facer boca para a Semana Santa. Antes, o 22, desde as oito e media da tarde o cronista oficial da cidade, José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, ofrecerá no Salón Azul do Liceo a conferencia ‘Percorrido histórico pola Semana Santa de Betanzos’.

Levantará o pano o coro Cantábile, na oxival franciscana o 23 de marzo, venres, desde as nove menos cuarto da noite. Ao día seguinte, será a Coral Polifónica de Betanzos quen interprete pezas litúrxicas desde as nove da noite na matriz de Santiago.

O domingo o grupo vocal Sondenós devolverá, ás 20:45 h, os acordes ao templo dos frades franciscanos, a tempo de recoller a procesión do DOomingo de Ramos. O luns 26 a música volve a Santiago, onde, desde as nove menos cuarto, interpretarán o seu repertorio a soprano María Lueiro, o tenor Pablo Carballido e o barítono Pedro Martínez co acompañamento ao piano de Ayaco Zemba.

Clausura coa Camerata Brigantina

Poñerá o ramo a soprano Clara Jelihovschi xunto coa Camerata Brigantina e Florian Vlashi o martes 27, desde as nove menos cuarto da noite, novamente na igrexa de Santiago. Ao día seguinte comezarán os desfiles procesionais.